En Moeche apóstase polo deporte coa celebración do I trail e andaina "Castelo de Moeche"

O Concello de Moeche organiza este evento como unha maneira de promover o deporte e tamén o descubrimento do territorio
xoves, 31 Outubro, 2019

Para participar no citado evento existen  dúas opcións:

Un Trail de 16 Km. de percorrido e un desnivel positivo de 820 metros, ou  

Unha Andaina máis pausada sobre unha distancia de 12 Km. e 500 m. de desnivel.

En ambos casos o punto de saída e chegada é o Castelo de Moeche -os dorsais entregaranse alí de 9 a 10 da mañá- e os dous trazados percorrerán distintos camiños e carreiros de San Xurxo, Labacengos e Santa Cruz.

A andaina partirá ás 10.00h. e o Trail ás 10.30h. Ao remate abrirán as duchas da área recreativa de Souto Grande e serviranse racións de fabada que serán de balde para participantes, mentres que para as persoas acompañantes o custe será de 3€ . O Trail contará con dúas categorías masculina e feminina: unha para participantes senior -de 18 a 39 anos- e outra para veteráns, que han de facer os 40 anos neste 2019 se é que non os teñen feitos xa. Levarán trofeo os tres primeiros clasificados e clasificadas en cada categoría. Haberá premio tamén para o veciño e a veciña de Moeche que fagan mellor tempo e recibirá trofeo, medallas e queixos de Lácteos de Moeche o equipo máis numeroso.

As inscricións deben facerse a través da web www.galitiming.com cos seguintes prezos:

-Andaina (12 anos en diante e menores acompañados de persoa adulta): 8 € até o 10 de novembro e 10 € do 11 ao 15 de novembro, último día para apuntarse.

-Trail (18 anos en diante): 14 € até o 10 de novembro e 16 € entre o 11 e o 15.

Na loxística e organización colabora o Club de Montaña de Moeche. Ademais tamén prestan o seu apoio a Deputación da Coruña, Protección Civil, a AVV Val de Moeche, Fisio-Che Ben, Alalá Turismo, Lácteos de Moeche, Supermercado O Cruce, Supermercado Moeche e a Taberna Irmandiños.

A inscrición na proba inclúe seguro, servizo de ambulancia e asistencia médica, masaxes trala carreira ofrecidos por Fisio-Che-Ben, camiseta conmemorativa -só trail-, agasallo por cortesía de Alalá Turismo -trail e andaina-, avituallamento líquido e sólido durante a proba, entrada de balde no castelo, reportaxe fotográfica, aparcamento e servizo de gardarroupa, ademais da degustación da fabada e da participación no sorteo dun vale por un xantar para catro persoas a base de cocido na Taberna Irmandiños.