Los Secretos, Sés, Guadi Galego e Stars of Góspel Choir, entre os concertos programados no pazo da cultura de Narón ata finais de ano.

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, anunciou a programación musical do Pazo para o último cuadrimestre do ano
Ferrolterra e Eume » Narón
venres, 10 Xullo, 2020

Os espectáculos musicais protagonizarán tamén a programación do último cuadrimestre do ano no  Pazo da Cultura. A primeira cita organizada dende o Padroado da Cultura de Narón, tal e como indicou a alcaldesa e presidenta do organismo, Marián Ferreiro, será o día 18 de setembro, ás 20.30 horas co concerto da cantante Sés. Serán dúas horas de música nas que o público escoitará os temas do seu último traballo discográfico, “Liberar as arterias”, un disco no que continúa evolucionando no seu particular estilo e a súa alma cantareira. As entradas para estes espectáculos musicais poden adquirirse xa nalgúns casos na billeteira do Pazo ou na web do Padroado –www.padroadodecultura.es-. “Trátase dunha programación musical moi completa, que nos permite levar ao Pazo diferentes estilos musicais con recoñecidos profesionais a nivel nacional e internacional e cuxos concertos se sucederán dende o mes de setembro ata o de decembro establecendo todas as garantías sanitarias precisas para este tipo de espectáculos”, asegurou Ferreiro.

O teatro musical é outra das propostas que nesta ocasión chegará da man de Edicións Embora, co espectáculo de Funamviolinistas: “ContraEscena”, o día 26 de setembro ás 20.00 horas. Durante algo máis dunha hora, o público terá a oportunidade de ver entre bastidores as intimidades de tres artistas itinerantes que presentan o seu show de teatro musical. O mes de outubro, a música regresará co concerto de Los Secretos, tamén a cargo de Edicións Embora. Con catorce discos no mercado, a banda interpretará recoñecidos temas do seu dilatado repertorio musical, mantendo o seu son orixinal e a súa enerxía intacta despois de catro décadas e dos seus grandes éxitos das décadas dos anos 80 e 90. A cita será o día 9 de outubro ás 20.30 horas. Uns días máis tarde, concretamente o 23 de outubro -20.30 horas- poderase escoitar no Pazo a música de Guadi Galego, que chega á cidade coa súa nova entrega discográfica: “Inmersión”. En conxunto, son once temas xa editados e un inédito, enmarcados nun universo íntimo e minimalista. Neste disco de Guadi Galego colaboran recoñecidos artistas como Andrés Suárez, Iván Ferreiro, Ana Bacalhau, ou Silvia Quesada.

En novembro, o día 13, o Café Teatro do Pazo acollerá o concerto de Carla Green&The Demons, unha formación compostelá que chegará con Músicos ao Vivo-Sociedade Cooperativa Galega. O blues, o swing e o jazz son estilos de sobra coñecidos para os músicos desta banda, que participou en recoñecidos festivais e que conta cun amplo repertorio baseado en clásicos de artistas internacionais. A finais dese mesmo mes, concretamente o día 27 ás 20.30 horas, haberá unha nova cita musical no Café Teatro do Pazo, a cargo de Mad Martin Trío, de Sonaxe Producións. Os integrantes desta banda, que realizou concertos por toda España e por media Europa, presentarán en Narón “Tornado”, un vinilo financiado a través dunha exitosa campaña de crowdfunding con temas propios e algúns versionados.

            En decembro, como cada ano no Pazo, poderase ver un espectáculo de góspel: Stars of góspel choir, con Bridget Bazile e Vincent Balse, o día 23 ás 20.30 horas. Unha mistura de harmonías e ritmos a través dunha música que combina enerxía, delicadeza e entusiasmo e da que gozará o público que acuda a esta cita. A programación musical deste ano pechará con “Siboney”, que chega a Narón con Garufa Blue Devils Big Band e con Sito Sedes. Será o 26 de decembro ás 20.00 horas cando esta orquestra, con 19 músicos e 4 cantantes actuará nun formato clásico de big band. Interpretarán un repertorio de temas clásicos dos anos 40 e 50 dirixidos por Roberto Somoza e contando coa colaboración de Sito Sedes, poñendo voz á formación en “Siboney”.