Nova app turística do concello de Touro

A aplicación presenta completa información de distintas rutas de sendeirismo de Touro
Terras de Santiago » Touro
luns, 16 Outubro, 2017

No seu firme compromiso por incorporar as novas tecnoloxías ao desenvolvemento dos pequenos núcleos de poboación, o concello de Touro, continúa no seu labor de actualización dos contidos web e de aí a súa aposta con esta nova aplicación. Unha aplicación coa que se poden consultar, entre outros, datos xeográficos, históricos, naturais, económicos ou turísticos. Así, podemos coñecer rutas de sendeirismo como por exemplo PR-G 93 (Ruta da Ribeira do Ulla), PR-G 121 (Ruta dos Tres Ríos), Ruta do Coto de San Sebastián ou Ruta de Ponte a Ponte.

Pero cada vez son máis os peregrinos seducidos pola frondosidade que lles ofrece a Ruta do Camiño do Holandés, unha derivación do Camiño Francés que atravesa o concello de nordés a suroeste. A súa beleza paisaxística, xunto á tranquilidade que ofrece en todo o seu percorrido, son unha nova maneira de entender a tan anhelada chegada a Compostela e fan deste camiño un imprescindible desta nova aplicación.