A nova edición da feira “Primavera no Camiño Inglés” conta cun ciclo de actividades culturais contemporáneas “Do camiño vivido”

O xoves día 11, no edificio da Deputación da Coruña, tivo lugar a presentación das xornadas culturais "Do Camiño Vivido´19" e a elección coma sede do concello de Pontedeume do evento “Primavera no Camiño Inglés”
venres, 12 Abril, 2019

No pazo provincial da Deputación da Coruña, presentouse onte en rolda de prensa ao concello de Pontedeume como o encargado de acoller a feira de dinamización do Camiño “Primavera no Camiño Inglés”, a cal ten como obxectivo mostrar a tódolos públicos os atractivos materiais e inmateriais deste percorrido.

Ademais da celebración da feira, contarase cun proxecto de creación artística arredor do Camiño, nos meses de abril ata xuño, que mestura a cultura coas artes contemporáneas da man de artistas pertencentes a distintas disciplinas. Os concellos polos cales irán discorrendo estas actividades culturais son 5: Ordes, Culleredo, Narón, Betanzos e Oroso, onde os artistas usarán o espazo público para representar as súas obras  e contarán coa implicación do público.

Para dar a coñecer estas iniciativas de dinamización do Camiño Inglés contouse coa presenza do deputado de economía e facenda, Antonio Leira; o deputado de Cooperación, Plans Provinciais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico Artístico, Xosé Regueira; o alcalde do concello de Pontedeume, Gabriel Torrente e a comisaria do proxecto cultural, Paula Cabaleiro.

Toda a mesa presente mostrouse satisfeita de ensinar o proxecto aos medios de comunicación, agardando de que sexa un éxito como nas pasadas edicións.