Nova exposición no Cabo Vilán. "Costa da Morte" Sara Kramer e Kristoffer Kjærskov

A exposición "Costa da Morte" céntrase no interese pola localización xeográfica e a contorna costeira onde se atopa o faro de cabo Vilán.
Costa da Morte » Camariñas
martes, 21 Setembro, 2021

A través de diferentes investigacións escultóricas, Kramer e Kjærskov interésanse por conectar visualmente a paisaxe cun corpo cultural. Un marco metafórico que toca intuitivamente os aspectos relacionais dos materiais orgánicos e sintéticos na intersección entre o reino dos vivos e os mortos.

A obra de Kramer xira ao redor de facer visibles os procesos de información entre os corpos, a materia e a súa imbricación cos fenómenos sociais, históricos e económicos. As esculturas antropomórficas transparentes que se expoñen consisten en xabón e residuos de plástico atopados, e reflexionan sobre como a constante acumulación de materiais sintéticos está a converterse cada vez máis en parte de paisaxes que mesmo flotan como illas independentes no océano. Ao mesmo tempo, os microplásticos empezan a introducirse baixo a pel e a circular polos sistemas dixestivos de case todos os organismos (híbridos).

Kjærskov mostra unha serie de redes colgantes que se asemellan ás redes de pesca e que exploran un enfoque formal e intuitivo dunha contorna ou rede de circulación. Nas redes recóllense e captúranse elementos de diferentes orixes para cuestionar a natureza e a transformación dun materialismo circulante e connotativo no que se unen o orgánico e o inorgánico. A rede representa unha estrutura sensible, que se conecta a través dos refugallos dun amplo campo cultural, no que os distintos materiais se desprenderon da súa contorna orixinal e quedan atrapados como partes fragmentadas dun organismo cultural e en desintegración.