
Lonxe do mundanal ruído, no corazón do Parque Natural das Fragas do Eume, escóndese o Mosteiro de Caaveiro. Situado nun promontorio sobre o río Eume, as súas orixes remóntanse ao século X na entón vila de Calavario, de aí o seu nome.
Trátase dun conxunto de edificacións, algunhas xa desaparecidas, que poderemos visitar e nas que existe un pequeno centro de interpretación ao redor do mosteiro: igrexa principal, igrexa de Santa Isabel, cabido, sancristía, pozo, almacéns, arquivo, torre do campanario, etc.
A súa historia é a das propias fragas, relaciona ao mosteiro con San Rosendo, pero tamén coa orde de San Bieito e posteriormente cos cóengos regulares de San Agustín. Tamén estivo vinculado ás familias Traba, Andrade e a súa xurisdición ampliábase a unha extensa comarca.
A decadencia chega co século XIX e, con motivo da desamortización, é adquirido por un particular que inicia a súa recuperación. Nos anos 70 é declarado conxunto histórico-artístico e monumento de interese provincial para pasar, anos máis tarde, a formar parte dos bens patrimoniais da Deputación da Coruña.
Recentemente foi restaurado na súa totalidade e recuperou todo o seu esplendor con visitas guiadas, actividades complementarias e gran afluencia de visitantes. O acceso máis habitual é desde Pontedeume, aínda que tamén existen accesos e roteiros de sendeirismo desde A Capela e Monfero, onde tamén podemos visitar outro interesante mosteiro.
Esta Semana Santa, desde o sábado 27 de marzo ata o 5 de abril de 2021, os vehículos só poderán acceder ata o Centro de Interpretación das Fragas do Eume e non estará activo o servizo de autobuses ata o mosteiro.
Teléfono de información : 695 980 038
http://www.concellodacapela.es/paxinas/posts/calendario-de-prestacion-de...