O atractivo do Camiño Inglés volveu a lucirse en Betanzos da man da Deputación da Coruña

Por segundo ano consecutivo, o evento Primavera no Camiño Inglés promocionou os recursos cos que conta este itinerario, nunha satisfactoria xornada
xoves, 10 Maio, 2018

A Deputación da Coruña volveu a reunir aos dezaoito concellos coruñeses polos que transcorre o Camiño Inglés: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela. Así, produciuse un despregue na praza de Betanzos de actividades, actuacións, degustacións e demais accións relacionadas con este prezado recurso turístico, cargado de potencial patrimonial, cultural, natural e gastronómico.

O acto contou coa asistencia do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; os deputados provinciais Xosé Regueira, Antonio Leira e Bernardo Fernández; o alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Ademais, estiveron presentes alcaldes dos municipios polos que discorre o itinerario xacobeo, que destacaron as excepcionais condicións do Camiño.

Ao longo do día, asistiu  numerosa afluencia de público que puido degustar tortilla de Betanzos, troitas de Oroso, pan de Neda e Carral, viño Branco Lexítimo da comarca betanceira e outras delicias gastronómicas. Igualmente, houbo distintas actuacións de grupos tradicionais.

Unha xoia da provincia

O Camiño Inglés transcorre enteiramente pola provincia da Coruña, tocando as súas tres cidades, constituíndo un interesante enlace cultural con Gran Bretaña e tendo un peso secular, ao ser un importante elemento da historia de Europa. Ademais, conta ao longo do seu traxecto con innumerables compoñentes distintivos, que lle confiren unha singularidade moi marcada con respecto ao resto de Camiños.