O castelo de Moeche amplía o seu horario de cara á Semana Santa

O concello modestino crea un ano máis unha rica proposta de cara ó tempo de lecer dos días festivos que se achegan
Ferrolterra e Eume » Moeche
Imaxe: 
Vistas do Val de Moeche dende a fortaleza medieval
mércores, 6 Abril, 2022

A Semana Santa inaugura para moitos a tempada alta no que á afluencia de visitantes se refire, e o castelo de Moeche, como un dos principais recursos do patrimonio cultural da comarca, non será menos, amplificando o seu horario de apertura ao público. Deste xeito, o vindeiro mércores abrirá pola tarde no seu marco habitual, de 15:30 a 18:00h, pero dende o xoves 14 ao domingo 17 de abril o castelo permanecerá aberto de 11:00 a 18:00h seguindo o horario marcado para os días festivos. É necesario lembrar, por outra banda, que as visitas guiadas, só poderán efectuarse facendo a correspondente reserva, ben a través do email turismo@moeche.gal ou ben mediante o número de teléfono do concello, 981 40 40 06.
Á programación cultural do concello, súmase tamén a Ruta Xeolóxica do Toelo, que se realizará dentro dos plans coordinados polos 7 concellos partícipes do Proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal, o 14 de abril con saída dende o propio castelo, ao cal os inscritos poderán acceder cunha visita guiada gratuita. Os formularios de inscrición pódense atopar na web do propio xeoparque ou no blog de Rutas Xeolóxicas de Galicia.