O Concello de Corcubión acolle a exposición "Xigantes" da Fundación Exponav

Dende o 19 de setembro ata o 1 de outubro poderase visitar esta exposición no cárcere vello de Corcubión.
Costa da Morte » Corcubión
venres, 22 Setembro, 2017

O Concello de Corcubión é un dos doce que acollerá esta exposición itinerante coa que se pretende dar a coñecer a importancia do Museo da Construción Naval de Ferrol e amosar como foi o proceso de construción dos grandes buques petroleiros nos estaleiros ferroláns entre 1964 e 1982.

As persoas que se acheguen ata o cárcere vello de Corcubión poderán ver maquetas, paneis e vídeos sobre a construción deses importantes buques realizados en Astano e que forman parte da historia naval da comarca de Ferrol. Deste xeito, tanto visitantes como a poboación local poderán ser conscientes da importancia que supuxo a construción de todos estes petroleiros para o progreso do coñecido estaleiro Astano, pois a actividade realizada nel entre 1964 e 1982 converteuno nun punto de referencia industrial e naval de España.

Os buques construídos nese período son de diferente tipoloxía e a través dos paneis que se atopan nesta exposición pódese coñecer como foi evolucionando a construción de todos eles. Ademais dos paneis, a exposición conta, no caso de Corcubión, coas maquetas dos buques Texaco South America e Arteaga e coa do estaleiro Astano, así como coa a proxección da película de Zenit TV e RTVG A forxa dun soño.

Todos aqueles que o desexen poderán visitar esta exposición no cárcere vello de Corcubión dende o 19 de setembro e ata o 1 de outubro, a cal continuará, posteriormente, por outros concellos da provincia da Coruña.

Máis información na páxina web de Exponav e na da Deputación