O concello de Narón organiza unha nova edición de "Noite no mosteiro".

O vindeiro 18 de xullo o cenobio de San Martiño de Xuvia, na parroquia do Couto iluminarase de xeito artístico e acollerá un concerto de música clásica
Noite no Mosteiro
Noite no Mosteiro
Ferrolterra e Eume » Narón
venres, 10 Xullo, 2020

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, anunciou a celebración, o vindeiro sábado 18 de xullo, dunha nova edición da proposta “Noite no mosteiro”. O cenobio de San Martiño de Xuvia, no Couto, iluminarase no exterior  cunha creación artística de varias cores, de 22.30 a 01.00 horas, ambientando un dos edificios relixiosos máis recoñecidos na cidade, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e ubicado nun tramo do Camiño Inglés e o Camiño de San Andrés. A maiores, nese mesmo horario, tal e como indicou Hermida, haberá un concerto de acompañamento tamén no exterior do mosteiro (na zona traseira dos ábsides) do grupo de música clásica “The Duelist”, de violín e chelo.

            “O concerto constará de tres pases de aproximadamente vinte minutos de duración cada un deles, cunha pausa de dez minutos entre os tres, e será obrigatorio acudir con máscara, dando así cumprimento ás recomendacións sanitarias pola crise da Covid-19”, explicou a edil naronesa. O acceso á zona estará permitido a partir das 22.00 horas e haberá un protocolo  coa sinalización  correspondente adaptado ás circunstancias actuais.

              Hermida agradeceu a colaboración da parroquia de San Martiño de Xuvia por ceder as instalacións para realizar un ano máis este evento. Ademais, animou á veciñanza de Narón e doutros concellos a acudir a esta cita, unha das clásicas na tempada estival da cidade e que se retoma con todas as garantías, para o que se require a colaboración de todas as persoas que asistan e que de antemán agradeceu a concelleira de Turismo. “O noso obxectivo e seguir facendo programas ou eventos con protocolos viables para ofrecer alternativas de ocio, promocionar os marabillosos recursos turísticos que ten o Concello de Narón e, dalgún modo, impulsar tamén ás empresas do sector”, asegurou Hermida.