O Concello de Zas amplía o programa “Verán Cultural” ao mes de setembro

A programación continúa este sábado co concerto de Caamaño e Ameixeiras na Ponte de Brandomil
Costa da Morte » Zas
mércores, 9 Setembro, 2020

O Concello de Zas, a través do seu departamento de Cultura, amplía ao mes de setembro o programa Verán Cultural 2020 con espectáculos para todos os públicos. Como sempre, todos os actos son de balde e para asistir é necesario reservar a entrada previamente.

A programación continúa este sábado, 5 de setembo, na Ponte de Brandomil onde o dúo Caamaño-Ameixeiras ofrecerá un concerto previsto para o 15 de agosto e que tivo que adiarse a causa do mal tempo. A cita comeza ás 20:30 horas.

A seguinte cita será o 13 de setembro, día no que a Praza do Concello será o escenario para a estrea do filme “María Solinha” - dirixida por Ignacio Vilar -. A película reconstrúe a historia da viúva María Soliña á que acusaron de bruxería. Entre o elenco están Santi Prego, Antonio Durán, Mabel Rivera ademais das actrices protagonista Grial Montes e Laura Míguez. A proxección comeza ás 21:30 horas. 

“Dorothé na vila” é o nome do documental que se proxectará o 19 de setembro, ás 21:30 horas, nas Torres do Allo. Neste traballo Alejandro Gándara e Olaia Tubío recollen as historia de vida que hai detrás do cancioneiro popular galego que recolleron Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. 

A programación do Verán Cultural 2020 remata o sábado 26 de setembro coa Ruta da Auga. A saída será ás 10:00 horas dende a Praza do Concello de Zas e dende alí achegarémonos a algúns dos espazos naturais máis destacados do noso municipio.

Entradas

En todos os espectáculos é obrigatorio o uso de máscara e as entradas son de balde con reserva ata completar aforo. As reservas pódense facer de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas a través dos números de teléfono 981 751 398 / 981 718 056. Todas as actividades están organizadas polo Concello de Zas en colaboración coa Deputación da Coruña.