O faro de Cabo Vilán (Camariñas) acolle unha nova exposición no mes de xuño

A sala de exposicións do faro de Cabo Vilán acolle durante o mes de xuño unha nova exposición de fotografía.
Costa da Morte » Camariñas
xoves, 3 Xuño, 2021

Do 01 ao 30 de xuño  a sala de exposicións que xestiona a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas acolle a exposición de fotografía «Trece luces na nosa costa» de Antonio Fernández.

Para este mestre xubilado a fotografía foi unha afección tardía que empezou a practicar de cara a xubilación para complementar o tempo desta nova etapa da súa vida.

Esta é a terceira exposición no seu haber e conta tamén con 6 premios.

  • 1º premio Fotografía Dixital Costa da Morte, de Pablo Vedes ano 2013.
  • 3º premio concello de Corcubión, ano 2013.
  • Dumbría é Verde “Dumbría,12 olladas”, ano 2014.
  • 1º premio concello de Corcubión, ano 2014.
  • Premio especial “cromático” concello de Corcubión, ano 2014.
  • Premio da Tvg dentro do espazo "O Tempo en marzo" do 2021.

Nesta exposición trata de contar a historia dos faros da nosa costa, a súa función durante o tempo, e que hoxe coas tecnoloxías avanzadas instaladas nos barcos deixan de seren, ao mellor, tan necesarios pero alcanzan outra dimensión non menos importante como é un legado patrimonial para todos nós.

O fío condutor dos mesmos, ademais do enclave no que están situados, é que as fotografías están feitas cunha técnica especial que aporta ás imaxes outra dimensión creativa e asombrosa. É un tipo de fotografía pouco visto e moi recomendable.