O Foro Turismo Covid 19 amplía o seu programa con tres debates mais o luns 18 e o xoves 21 de maio

O interese do sector está na orixe destes novos encontros que analizarán as novas oportunidades e ofrecerán un avance de conclusións sobre o futuro que se abre para o turismo.
venres, 15 Maio, 2020

Despois de que o Foro Covid19 promovido abordara temas como o papel dos entes de xestión, o persoal técnico municipal ou a comunicación en turismo coa crise creada pola pandemia, a área de Turismo da Deputación da Coruña amplía a programación prevista con tres novas sesións que mirarán de maneira especial ao futuro, achegándose ás novas oportunidades e cun avance de conclusións.

O luns 18 dúas novas sesións debaterán arredor de "A diversificación do turismo e o reto da desestacionalización, unha oportunidade covid19?".

Na sesión de mañá (11h) trataranse fundamentalmente distintos produtos turísticos, con especial atención a elementos como a gastronomía ou a artesanía. Está confirmada a participación da cociñeira Beatriz Sotelo, a zoqueira Elena Ferro, o xornalista especializado Guillermo Campos de HG&T, María Mesías de Goodlife Consultores, o presidente da Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber) Miguel Angel Rodríguez e Aser Álvarez, politólogo, xornalista, consultor e xestor cultural.

 

Pola tarde (as 18h), participarán, entre outras persoas, César Abella director de Trivium estratexias en cultura e turismo, Eloi Mancebo Secretario da asociación Olería de Buño, Manuel Rey redactor de Gciencia, o colaborador da revista HG&T, Victoriano Castro, Idoia Cuesta artesá de cestería contemporánea e Dolores Lema, directora da Mostra do Encaixe de Camariñas.

"O futuro do turismo despois da Covid19: avance de conclusións", porá punto final ao programa o xoves día 21 ás 11 horas, facendo un balance das intervencións dun encontro que contou coa participación de máis de trinta especialistas e representantes do sector e que foi coordinado pola área de Turismo da Deputación da Coruña que dirixe o tamén vicepresidente da institución, Xosé Regueira.