O futuro do sector do turismo será o eixo do Foro Turismo Covid19 que organiza a Deputación da Coruña e que dará comezo o luns 27 de abril.

Seis especialistas representantes de entes de xestión participarán na primeira das sesións que poderá seguirse a través da rede.
luns, 27 Abril, 2020

O luns día 27 de abril ás 11 horas terá lugar a primeira das sesións do Foro Turismo Covid19 coa intervención de Luis Alcalá da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Diego López Pedreira da Reserva A Coruña e as Mariñas, Manuel Jesús Lema Caamaño de Muxía Natural, Flavia Ramil de Incolsa Turismo Santiago, Lanzada Calatayud do Consorcio Turismo Coruña ademais da Sebastian Valverde, representando ao Xeodestino Ría de Muros e Noia. A segunda xornada dedicada aos concellos no novo contexto do sector turístico terá lugar o xoves día 30 e será a única que se desenvolverá ás 18 horas.

A convocatoria está aberta a persoal técnico, empresas, responsábeis de entes de xestión, xornalistas e demais profesionais do sector que poderán poñer en común a crise que se está a vivir polo coronavirus ademais de poñer sobre a mesa novos camiños para a recuperación dun sector de especial relevancia para o desenvolvemento económico.

"O foro levantou un grande interese e foi moi aplaudida por representantes de todos os ámbitos do sector que manifestaron xa a súa vontade de participar e asistir aos debates que agardamos contribúan a botar algo de luz sobre o futuro incerto do turismo", destaca o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira que considera que a "recuperación do sector ten que ser un reto de todas as administracións".

Xosé Regueira considera que, neste sentido, é necesario o contraste co propio sector e, por iso o foro buscou a participación de todos os axentes que participan desde os entes de xestión até o ámbito privado pasando pola administración, a Universidade ou os medios de comunicación. "Estas perspectivas vannos dar unha ampla fotografía da realidade do sector a día de hoxe e de aquí a fin de ano e tamén de como teremos que marcar estratexias de cara ao 2021", sinala Xosé Regueira que anuncia a publicación dun documento de conclusións das expectativas e propostas do propio sector.

Do desenvolvemento do Foro agarda "que sexa de aproveitamento para o sector e a súa recuperación, que avalíe tamén as potencialidades que temos para deseñar novas estratexias que nos permitan ser competitivos no novo panorama que se abre, gañar confianza para o turismo e que o noso territorio consiga ser atractivo na nova situación".

PROGRAMA

Luns 27 abril ás 11h Os entes de xestión ante o futuro do turismo.

Xoves 30 abril ás 18h: Os concellos no novo contexto do sector turístico

Luns 4 maio ás 11h: Debate co mundo empresarial do turismo.

Luns 11 maio ás 11h: Comunicación e promoción dos recursos turísticos despois da pandemia.

Inscrición previa mandando nome e apelidos a foroturismocovid19@dacoruna.gal