O Padroado da Cultura de Narón organiza os Catro espectáculos do programa "Verde que te quero verde"

A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, anunciou que a programación se desenvolverá todos os domingos do mes de xullo na cidade.
Ferrolterra e Eume » Narón
mércores, 1 Xullo, 2020

O Padroado da Cultura retomará a programación no mes de xullo cunha nova edición, a cuarta, do programa “Verde que te quero verde”. Os vindeiros catro domingos do mes de xullo, outras tantas zonas verdes da cidade convertiranse un ano máis, en horario da mañá –a partir das 12.30 horas- en espazos nos que se desenvolverán espectáculos musicais dirixidos a persoas de diferentes idades.
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, anunciou que na primeira xornada, o día 5, actuará na Praza Irmáns Freire, en Xuvia, a formación Cachas&Cousins, de Santiago de Compostela e que no repertorio inclúe temas clásicos da escena rocksteady xamaicana e tamén outros reggae que interpretarán os seus sete músicos. Gozarán tamén da convocatoria as nenas e nenos, coa música e humor de Brais das Hortas, que traerá a Narón o espectáculo “Da eira cantareira”, unha viaxe por contos e cancións do seu repertorio que combina o tradicional e o moderno.
A segunda das citas terá lugar o 12 de xullo na Rúa 25 de Xullo, no Alto, donde os protagonistas serán a artista Nastasia Zurcher e o músico Xoán Curiel. A terceira xornada do programa “Verde que te quero verde” será o 19 de xullo, na Rúa Francisco Pizarro, no barrio da Solaina. Oîma e Pakolas actuarán na cidade cunha proposta deste último cargada de música e humor para contar varias historias fantásticas cos animais como protagonistas. A música de baile de tradición galega e europea chegará da man do trío instrumental Oîma, que trae a Narón o seu primeiro traballo: “Ala!”.
O escritor e cantante Antonio Lizana, acompañado dos seus músicos, e os integrantes de Fantasía coas palabras, María Faltri e Jorge Juncal, estarán o día 26 de xullo pechando o programa “Verde que te quero verde”, na zona verde da rúa Mariña Española (Vivendas da Mariña), na Solaina. 
“Queremos animar ás nosas veciñas e veciños a acudir a estes espectáculos, cumprindo todas as medidas de seguridade establecidas ante a situación que estamos vivindo e gozando desta programación dirixida a público familiar e infantil”, asegurou Ferreiro. A presidenta do Padroado da Cultura destacou que “un ano máis podemos retomar este programa con propostas culturais de balde dirixidas a persoas de diferentes idades e en espazos exteriores da cidade”.