O Padroado da Cultura retomará a programación co inicio do “VI Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular”

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, anunciou que a programación se retomará o vindeiro 6 de marzo cos nove espectáculos programados neste evento e para os que están á venda as entradas na billeteira do Pazo e na web: www.padroadodecultura.es
Ferrolterra e Eume » Narón
Imaxe: 
Cartaz VI Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular
martes, 23 Febreiro, 2021

Narón, 17 de febreiro de 2021. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, recordou que o vindeiro 6 de marzo se celebrará unha nova edición, a sexta, do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que un ano máis inclúe varios monólogos e unha serie de actividades paralelas. Ferreiro animou á veciñanza de Narón, e doutros concellos cando o permitan as medidas sanitarias, a acudir a ver estes espectáculos “pensados para público adulto e tamén infantil e cun espazo importante para as compañías galegas, apoiando o seu traballo como sempre fixemos dende Narón e dando tamén oportunidades a outras de Madrid e Chile nesta edición do Festival Singular”.

A primeira cita será o día 6, ás 20.00 horas e coa actriz Concha Velasco de protagonista do monólogo “La habitación de María”, de Pentación Espectáculos. O programa deste festival continuará os días 12 e 13 de marzo –ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente- cunha estrea, “Libre coma os paxaros”, de Teatro do Atlántico e protagonizada por María Barcala. Así mesmo, o día 14 ás 18.00 horas será o turno de Juan Rodríguez, que protagoniza “Feo!”, da compañía Caramuxo Teatro; o día 19 ás 20.30 María Ángeles Iglesias protagoniza “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”, da Compañía Verdeverás Expresións Artísticas e o CDG; o día 20 ás 20.00 horas estrearase a obra “Mocos”, de Contraproduccións, con Cándido Pazó –substituíndo o monólogo inicialmente previsto con Alberto San Juan-.

Así mesmo, o día 21 ás 18.00 horas Andrea Bayer protagonizará “Fíos”, de Baobab Teatro; o 26 ás 20.30 poderase ver a Laura Villaverde en “Chola a it girl”, de Artesacía; o 27 ás 20.00 horas a Edurne Rankin con “L@s niñ@s de Winnipeg”, da compañía chilena La llave maestra –que estrea a peza a nivel estatal no Pazo- e finalmente, o 28 ás 18.00 horas pechará o ciclo de monólogos a compañía Eme2 Producións, con “Semente”, protagonizada por Mercedes Castro.

            O programa do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular inclúe ademais o día 19 de marzo ás 18.00 horas unha mesa redonda sobre “Circulación internacional de espectáculos teatrais”, na que participarán recoñecidos profesionais do teatro a nivel nacional e internacional. Así mesmo, programáronse dous cursos, un sobre “Festival de Mueca. Unha experiencia de xestión coparticipada”, o día 20 de marzo de 9.00 a 12.00 impartido por Marcelino Martín, director do festival Mueca, e outro sobre “Interpretación actoral” do 22 ao 25 de marzo, de 18.00 a 21.00 horas, a cargo da actriz galega e cofundadora de Teatro do Atlántico, María Barcala.

            A alcaldesa recordou que xa están á venda as entradas para poder ver estes espectáculos, cun aforo de ata 250 persoas nas butacas do Pazo e de 50 para os programados no Café Teatro. Ferreiro incidiu en que a actividade do Pazo está suxeita a estritas medidas de seguridade para cumprir as recomendacións das autoridades sanitarias sobre prevención da Covid-19.