O peche final das xornadas “Do Camiño Vivido´19” terá lugar no concello de Oroso no mes de xuño

O 1 de xuño rematarán as xornadas de creación artística de promoción do patrimonio concentrado no Camiño Inglés
xoves, 30 Maio, 2019

As últimas actuacións que teremos o goce de contemplar no marco do programa  “Do Camiño Vivido´19” virán da man do cociñeiro Guillermo Pérez Blanco e do grupo de música Blues do País.

“Os zocos son pra facer camiño” é a obra coa que comezará a súa actuación musical Blues do País na praza Isaac Díaz Pardo ás 21.30.  A colección de pezas musicais clásicas versionadas do Blues, Soul, Rhythm'n'Blues ... e adaptadas á idiosincrasia e retranca galegas son o punto clave deste grupo. En definitiva, música de calidade, en galego, mesturada con teatro, clown e improvisación é o que poderemos escoitar con Blues do País.

O broche final corresponde ao mestre de cociña Guillermo Pérez, quen no seu haber profesional ofrecerá unha mostra culinaria baseada nas experiencias mediterráneas pero con produtos galegos, ademais da influencia dos ingredientes  británicos chegados a Galicia a través do Camiño Inglés. A franxa horaria marcada para a demostración e degustación da cociña de Guillermo P. será ás 22.00 na praza Isaac Díaz Pardo.

Por se o tempo nesa data amosa o seu rostro mais arisco ámbalas actuacións efectuaranse no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, mantendo o horario previsto.