O ROTEIRO CIFRADO DE TOURO

A contorna do Coto de San Sebastián atesoura moitas sorpresas para quen decida percorrer este privilexiado espazo do concello de Touro
O ROTEIRO CIFRADO DE TOURO
O ROTEIRO CIFRADO DE TOURO
Terras de Santiago » Touro
luns, 23 Novembro, 2020

Gozar das vistas desde o Miradoiro é un segredo a voces e a súa relevancia ao longo da historia faise patente na cantidade e calidade dos restos conservados.

Á cabeza dos seus tesouros o Castro, a unha altitude de 394 m., e a posterior cristianización do espazo coa Capela de San Sebastián. A tradición e as lendas dan boa conta dos costumes desenvolvidos neste monte.

Outro dos alicerces menos coñecido e do que queda moito por desvelar é o veciño Campamento Romano do Castrillón, a 278 m de altitude e separado polo canón do Rego das Pucheiras do Castro de San Sebastián. O posibel vínculo entre ambos os recintos subliña a relevancia deste espazo do concello ao longo da historia.

O persistente interese por estas terras non deixa de abraiarnos e nos seduce na procura dos seus enigmas. Como o que representa a existencia das tres Covas de San Sebastián, intimamente relacionado coa súa riqueza xeolóxica.

Un reflexo doutra parte da historia do concello, porque a riqueza xeolóxica e mineira faise notar de diferentes maneiras polas súas parroquias, como no aproveitamento das augas mineiromedicinais que van adquirindo esas propiedades na súa travesía polo subsolo. Así, o tradicional Local de Baños de Brandelos con augas sulfurosas en Prevediños ou a fonte de augas ferruginosas de Grixó en Foxás.

Pero non esgotamos as pistas deste pequeno-gran roteiro, porque ademáis dos tesouros arqueolóxicos e xeolóxicos, a beleza da natureza sorpréndenos coa Fervenza do Batán en Fontes Rosas e restos do noso patrimonio etnográfico como os muíños.

Toda unha experiencia en escasos 3 quilómetros! Pero tamén é posible coñecer estos recursos de maneira individual ou por parellas, segundo as inquedanzas e as nosas posibilidades, porque completar o traxecto non é tarefa fácil.

A proximidade da estrada e as pistas forestais facilita o acceso a calquera deles, polo que consultar o percorrido é a mellor opción para descifrar satisfactoriamente esta experiencia.

Gocemos todas e todos con cada un dos tesouros que agocha este roteiro grazas aos traballos de limpeza do Obradoiro de Emprego Ulla-Boqueixón-Touro-Vedra 2019 na contorna do Coto de San Sebastián e na Área Recreativa de Brandelos. Touro é camiño!