O terceiro concello polo que discorren as xornadas “Do Camiño Vivido´19” será Narón

Comezando en Ordes, pasando por Culleredo e continuando no concello de Narón seguen as xornadas dinamizadoras do Camiño Inglés
xoves, 2 Maio, 2019

O 3 de maio na Praza da Gándara de Narón contarase coa asistencia do grupo Inherente Teatro que mostraran para tódolos públicos a súa obra “As Velliñas”.

Este grupo composto por tres actrices tituladas pola ESAD de Galicia, sustentan o seu traballo en novas linguaxes teatrais. Actualmente colaboran coa compañía Butaca Zero e outras iniciativas artísticas como  Violencia Zero e o Ciclo Son de Muller.

A súa traxectoria artística recolle participacións en numerosos festivais teatrais como o FETEGA na súa XXVIII edición, no II Encontro de Mulleres Creadoras dentro do FITO ou na XXXIV Mostra Internacional de Teatro Cómico de Cangas, coa obra creada en coprodución coa Mostra, Agares que buligan gozando ao son dunha habaneira que no é.

 

Ás 18.00 as intérpretes Noelia Blanco, Noa Covelo e Pía Nicoletti mergullarannos na vida de tres velliñas que teñen como lecer facerlle compaña ás pombas da praza tódalas tardes que non chove. Ata que un día, oh, milagre!, ocorre un feito que altera a súa existencia tan apracible.

Todo isto transcorre durante 40 minutos no que o público non só poderá observar senón que ten a posibilidade de interactuar coas artistas. A implicación dos espectadores é unha nota que destaca en tódalas actuacións destas xornadas.