Ordes prepárase para acoller o XVI Campionato Galego de Cetrería, que terá lugar na última fin de semana deste mes

Participarán máis de medio cento de aves que competirán en probas de altanería, pequenas aves e baixos voos azores e harris. O programa inclúe exposicións, conferencias, encontros e ceas de confraternidade.
XVI Campionato galego de cetrería
XVI Campionato galego de cetrería
Terras de Santiago » Ordes
mércores, 25 Outubro, 2017

       Por segundo ano consecutivo o concello de Ordes, e máis concretamente a localidade do Mesón do Vento, acollerá un campionato de cetrería. Segundo estimacións da organización máis de medio cento de aves rapaces participarán os vindeiros 27, 28 e 29 de outubro no que será o XVI Campionato Galego de Cetrería. Entre os exemplares non faltarán campións e subcampións dentro do cadro de probas nacionais.

     O primeiro día o programa arrancará ás 20.30 horas con dúas conferencias no Museo do traxe. Unha delas correrá a cargo do experto en fotografía de natureza Luis Ogando, que ata o vindeiro día 20 está a expoñer, baixo o título de "Alas", unha mostra do seu traballo no mesmo museo. O outro relatorio abordará a identificación en voo de aves rapaces. Xa ás 21 horas terá lugar a presentación oficial do campionato e sortearanse as quendas de voo dos participantes.

     En total disputaranse catro probas: altanería, baixo voo azores, baixo voo harris e pequenas aves. Estas arrancarán o sábado dende as 9 horas ata, aproximadamente, a media tarde. Todas elas terán lugar no campo de competición que se habilitará na parroquia do Mesón do Vento (coordenadas:43º08´24.0”N 8ª22'12.0”W). Para este día tamén está prevista unha visita guiada ao Museo do Traxe a partir das 17 horas (posibilidade de merenda por 4,5 € con reserva previa). Ás 21 horas haberá unha cea de confraternidade entre todos os cetreiros, cetreiras e os seus acompañantes (25 € con inscrición previa).

    Cetreiros no Camiño

    De cara ao domingo a xornada dará comezo ás 9 horas cos voos dos finalistas. Ás 16 horas realizaranse voos de exhibición para dar paso, unha hora máis tarde, á entrega dos trofeos. Inmediatamente despois proclamaranse Cetreiros do Camiño aos campións desta edición, facéndoselles entrega dun diploma e unha insignia de prata exclusiva.

    Este campionato está organizado pola Federación Galega de Caza e a Sociedade Galega de Cetrería, e conta coa colaboración do Concello de Ordes, Sociedade Deportiva O Gatillo, Deporte Galego, Galicia Saudable e o Museo do traxe Juanjo Linares.