Os escolares de Abegondo descobren a diversidade ornitolóxica da zona, da man da Deputación da Coruña

A Deputación promove un programa no que máis de 400 nenos e nenas dos centros escolares da localidade coñecerán o encoro de Abegondo-Cecebre e a biodiversidade que alberga
A Coruña e As Mariñas » Abegondo
venres, 2 Xuño, 2017

Un grupo de 33 nenos e nenas da escola infantil Pasiños realizaron hoxe unha xornada sobre o anelamento das aves na Aula da Natureza de Crendes, en Abegondo. A Deputación da Coruña, a través do seu Plan de medio ambiente, financia este programa, que pretende sensibilizar os máis pequenos sobre a preservación da natureza e axudarlles a descubrir un dos espazos con maior diversidade ornitolóxica da provincia.

Máis de 400 nenos de Abegondo achegaranse este ano ata a Aula da Natureza para coñecer a flora e a fauna do seu concello e, en especial, a importancia que teñen as aves no ecosistema do encoro de Abegondo-Cecebre. 242 alumnos do CEIP San Marcos xa realizaron a actividade durante o mes e marzo e, a principios do vindeiro curso escolar, varios grupo do IES de Viós tamén se desprazarán ata o Aula da Natureza de Crendes para aprender sobre o anelamento das aves.

A xornada inclúe unha demostración sobre como se realizan os anelamentos e explicacións dos técnicos sobre os seus usos e os datos científicos que se obteñen. Un dos obxectivos destas xornadas é sensibilizar as novas xeracións sobre as aves que están ameazadas en Galicia, os motivos que levan á súa desaparición progresiva e as accións que se poden desenvolver para axudar á súa protección e preservación.

No caso da xornada que tivo lugar hoxe, ao tratarse de nenos de entre dous e tres anos, a formación adaptouse a través dun conto didáctico para que os pequenos comprendan a importancia de facer un seguimento das aves e realizarlles revisións médicas.

Os nenos e nenas tamén realizaron unha ruta guiada polo encoro ata o observatorio de aves, onde se sitúa un miradoiro provisto de telescopios que facilita a observación da flora e fauna tanto do embalse como das fragas de ribeira e dos ríos Mera e Barcés.

O encoro, ademais de estar catalogado como Zona de especial Conservación, constitúe un lugar de refuxio para as máis de 200 especies aves que nel se rexistraron. Merlos, pombas, verderolos, gorrións, andoriñas ou birrios son algunhas das aves que se poden ver durante a primavera, mentres que no inverno é común a presenza de exemplares de corvo mariño grande, parrulo real, garza real, porrón moñudo, mergullón lavanco, avefría e ceceta común.