Padrón asesorou entre xuño e agosto a case 25.000 turistas

A oficina de turismo do concello de Padrón atendeu durante os meses de xuño, xullo e agosto deste ano a un total de 24.809 persoas
Turismo de Padrón
Turismo de Padrón
Terras de Santiago » Padrón
xoves, 5 Outubro, 2017

A oficina de turismo do concello de Padrón atendeu durante os meses de xuño, xullo e agosto deste ano a un total de 24.809 persoas, 2.850 delas no stand que tivo aberto na feira Turexpo, de Silleda. A cifra supón un incremento con respecto ao ano pasado, cando nese mesmo período asesorou a 20.398 visitantes, dacordo con datos da propia oficina municipal.

Dos turistas que pasaron polo punto de información, a maior parte (10.793) fixérono de forma individual, en parella, familia ou amigos. E, deles, 7.077 eran peregrinos. O resto, 11.166, eran visitantes que chegaron á capital do Sar en grupos.

En canto á procedencia, dende a oficina municipal contan que cada vez é maior a variedade de nacionalidades, de modo que este verán houbo turistas de China, Senegal, Malawi, Guinea Ecuatorial, Xapón, Australia ou Sudáfrica. Polo que se refire a Europa, este verán destaca a presenza de visitantes de Portugal, Alemaña e Italia. Nalgúns establecementos hostaleiros subliñan, ademais, o incremento de turistas de países como Rusia ou Polonia. Ademais, tamén os houbo de América, con países como Estados Unidos, Canadá e Arxentina.

En canto á estatística anual, de xaneiro a agosto pasaron pola oficina de turismo do concello padronés un total de 35.454 persoas. Esta cifra supón un incremento con respecto aos mesmos meses de 2016, cando o número de visitantes que pasaron polo punto de información foi de 28.472. Dos máis de 35.000 atendidos entre xaneiro e agosto, 8.573 eran peregrinos que percorrían a última etapa do Camiño Portugués.

Máis información aquí