Patrimonio inicia os trámites para declarar BIC o museo Carlos Maside en Sada

A declaración de BIC do museo Carlos Maside plasma o compromiso do Concello, o cal anunciara medidas para por en valor tanto o edificio das Cerámicas do Castro como o valor artístico, cultural e histórico que atesoura, fundamental para a dinamización turística e económica de Sada
Fábrica de Sargadelos en O Castro, Sada
Fábrica de Sargadelos en O Castro, Sada
A Coruña e As Mariñas » Sada
luns, 5 Marzo, 2018

A Consellería de Cultura anunciou a través do secretario xeral, Anxo Lorenzo, o inicio dos estudos previos necesarios para proceder á incoación da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o museo Carlos Maside “debido ao carácter sobranceiro para o noso patrimonio cultural”.

O complexo industrial de Cerámicas do Castro iniciou as súas actividades en 1949. Preto dun castro celta no concello de Sada levantouse a primeira fábrica da nova Sargadelos, na que se volveron a producir cerámicas feitas coas terras do norte lugués. A fábrica foi creada polo intelectual, artista e empresario galeguista, Isaac Díaz Pardo. En 1960 construíuse una nova planta incorporando á súa produción deseños entroncados con motivos abstractos xeométricos tomados do románico e do barroco galegos ou as formas que, dalgún modo, gardan un paralelismo co simbolismo formal da arte románica. En 1963, Cerámicas do Castro e o Laboratorio de Formas asinan un convenio para a creación do museo Carlos Maside, Ediciós do Castro e outras institucións ideadas para traballar na recuperación da memoria histórica de Galiza.

O museo Carlos Maside inaugurouse en 1970 como un centro cultural vivo onde reunir parte da plástica galega contemporánea. Na súa colección permanente exhíbense obras de Francisco Lloréns, Castelao, Bonome, Laxeiro, Xulia Minguillón, Lugrís, Seoane, Francisco Asore, Xosé Frau, Maside ou Colmeiro. O edificio proxectado por Andrés Fernández-Albalat, componse de varios volumes de forma hexagonal e diferentes alturas, unidos, formando un orixinal conxunto. Cada un consta dunha cubrición piramidal. Ademais os lados de cada figura atópanse pintados con gran colorido. O complexo do Castro non responde a un deseño preconcebido dunha soa vez. Naceron sen unha orde de realización, posibilitados por esforzos e recursos, máis ben patrióticos, chegados con dificultades de todo tipo. Coa creación do Laboratorio de Formas de Galiza, deséñanse as liñas estruturais básicas para a recuperación da memoria histórica. Así, a carón de accións para producir e reproducir obxectos industriais, había que recoller para o seu estudo e divulgación obra e documentación do movemento de renovar a arte galega a partir de Castelao; promocionar e espallar o estudo da historia contemporánea de Galiza; recuperar a imaxe do que fora Sargadelos, onde hai 200 anos deseñarase una empresa industrial pioneira en plans xurídicos e éticos que constitúen un referente; mellorar a imaxe da información e da comunicación e realizar e apoiar todo tipo de investigación que tivera Galiza no seu horizonte.

Ver a nova completa aquí