As Pontes de García Rodríguez ofrece unha ruta de "Experiencia Industrial"

"As Pontes Experiencia Industrial", un proxecto impulsado para experimentar o turismo industrial do Concello
Ruta experiencia industrial das Pontes 1
Ruta experiencia industrial das Pontes 1
Ferrolterra e Eume » As Pontes de García Rodríguez
mércores, 22 Agosto, 2018

O turismo industrial é un novo concepto de turismo cultural que engloba ocio e aprendizaxe, que che fará experimentar, aprender, descubrir e vivir unha experiencia diferente. Unha EXPERIENCIA INDUSTRIAL. Toda esa herdanza debe ser preservada para garantir o seu coñecemento polas xeracións futuras, e o turismo pode actuar como un instrumento rexenerador deste patrimonio.

"As Pontes Experiencia Industrial" é un proxecto impulsado pola Concellería de Industria, Promoción Económica, Desenvolvemento Industrial, Comercio e Hostalaría, xunto co Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC). Nace co propósito de asentar as bases para a creación e posta en marcha dun produto de turismo industrial innovador, apoiado nas principais iniciativas industriais e no patrimonio histórico industrial das Pontes.

Co fin de desenvolver o turismo industrial e promover a sensibilización polos valores da cultura industrial pasada e presente, As Pontes ofrece a oportunidade única de realizar visitas guiadas, así como a posibilidade de realizar rutas a pé, en bicicleta ou vehículo de motor, sen necesidade de guía presencial. Internarte no territorio pontés, permitirache coñecer de preto os diferentes recursos que conforman o patrimonio histórico industrial do municipio, así como as súas raíces culturais, a súa identidade, as súas orixes, a súa historia e o seu presente.

Para que poidas coñecer o patrimonio industrial dunha forma sinxela e agradable, o concello ofrécete un itinerario para que percorras os puntos máis representativos da paisaxe industrial das Pontes. Ademais, brinda a oportunidade de realizar unha ruta circular curta (de 1 hora camiñando) e outra un pouco máis longa (algo máis de 2 horas).

O Punto de Información Turística (PIT) do LAGO é o comezo e final de ambos os itinerarios, que recomendan facer a pé ou en bicicleta. Desta maneira gozarás de paisaxes industriais, tanto urbanos como naturais.

É imprescindible reservar con antelación para acudir ás visitas guiadas. Non existe un calendario fixo para estas visitas, organízanse baixo demanda. Se desexas participar nelas, envía os teus datos a turismo@aspontes.org

Máis información en www.experienciaindustrial.es