Portugal aplaude a proposta da Deputación da Coruña como destino convidado na Feira Ibérica de Turismo da Guarda

Desenvolverase do 2 ao 5 de maio cun programa en que destacará a riqueza dos recursos e a gastronomía tradicional e contemporánea
martes, 2 Abril, 2019

O concello portugés da Guarda acolleu a presentación da sexta edición da FIT-Feira Ibérica de Turismo que terá lugar do 2 ao 5 de maio coa Deputación da Coruña como destino convidado. O deputado de Turismo, Xosé Regueira, onte luns día 1 de abril, participou no acto e destacou a oferta que será protagonista do programa da feira, con especial destaque para o turismo gastronómico dos concellos da Coruña.

A Deputación da Coruña agradeceu o convite como destino privilexiado da VI Feira Ibérica de Turismo (FIT) que supón unha  "grande honra e sabendo a repercusión que ten para promover os recursos turísticos nun evento de especial interese e impacto", sinalou o deputado de Turismo, Xosé Regueira, nun acto de presentación en que tamén participaron o alcalde da  Guarda Álvaro Amaro, o presidente de Turismo Centro de Portugal, Pedro Machado e o director da FIT, Carlos Condesso.

Xosé Regueira destacou na súa intervención a intensidade os lazos que unen Portugal e Galiza, en especial, os séculos de historia en comú, a lusofonía e o Atlántico mais tamén lamentou que viviran "non poucas veces dándose as costas". "O turismo, é unha boa oportunidade de romper esta tendencia ao descoñecemento, e de que voltemos a encontrarnos e recoñecernos", afirmou.

Anunciou que Deputación da Coruña traerá á FIT 2019 ocio, paisaxe, historia, cultura, patrimonio e gastronomía dos concellos da Coruña agrupados nos seis xeodestinos de Arousa Norte, Ría da Estrela, Costa da Morte, Mariñas Coruñesas, Ferrol-Ortegal e Terras de Santiago ademais das tres grandes cidades. Destacou tamén que o programa da Coruña na FIT como destino convidado fará protagonista tanto á gastronomía tradicional como a nova cociña coa presenza dalgúns dos máis prestixiosos nomes da actualidade. "Somos unha excelente opción para un turismo de dous, tres ou catro días, un turismo de proximidade, como tamén nós vemos en Portugal sempre esa opción segura e que nunca defrauda", destacou, para facer fincapé no interese da presenza da Deputación na FIT2019.

Maior evento asociado turístico ao territorio

O alcalde da Guarda, Álvaro Amaro, destacou a relevancia da FIT que está considerada a segunda feira do sector en Portugal, despois de Lisboa, con especial atención ao turismo transfronteirizo e destacou as posibilidades de impulso dos recursos da Coruña neste encontro que promove o turismo de proximidade.

O director FIT, Carlos Condesso,  fixo fincapé no medre exponencial do evento nos últimos anos, chegando na súa sexta edición a congregar 150 expositores con presenza de medio milleiro de empresas e institucións de relevancia no sector turístico. A feira pasou de 4.000 m2  e 20.000 visitantes na primeira edición aos case 11.000 m2 cos que contará este ano en que se agardan superar os 35.000 visitantes de 2018.

Pola súa parte, Pedro Machado, presidente de Turismo Centro de Portugal sinalou a condición da Guarda como segunda feira de turismo máis importante de Portugal e a maior en canto evento asociado a territorio, con especial destaque en natureza, turismo e aventura. "É o ADN e o valor de marca desta feira", sinalou. 

A Feira Ibérica de Turismo recibe expositores principalmente de toda a península e preséntase como "plataforma transfronteiriza no panorama nacional e ibérico dos eventos ligados ao Turismo e unha oportunidade singular de divulgación, promoción, captación e desenvolvemento de fluxos turísticos e de valoración de recursos".

Os seus principais obxectivos principais son o fomento do intercambio estratéxico e económico transfronteirizo e o estímulo da relación comercial no territorio peninsular. A presentación de produtos, servizos e recursos turísticos protagoniza o programa dun evento que conta cunha vertente profesional e de negocios e tamén outra destinada ao público en xeral, con actividades culturais e de lecer como propostas.