As promesas do ciclismo visitan Carballo na II Challenge Júnior

O ciclismo profesional ten cita o sábado 6 e o domingo 7 en Carballo
Costa da Morte » Carballo
xoves, 4 Abril, 2019

As 81 promesas do ciclismo galego, pero tamén deportistas de Asturias, Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha e Portugal, danse cita o sábado 6 e o domingo 7 de abril en Carballo na II Challenge Júnior Carballo 2019. Organizada polo Club Ciclista Carballo, coa colaboración do Concello de Carballo e da Federación Galega constará de tres probas independentes, pero será un pouco máis dura que a do ano pasado e primará a participación feminina. unha das novidades é que haberá trofeo para a mellor ciclista en cada unha das categorías, e tamén se establece este ano o premio ao mellor equipo.

A primeira etapa, Razo-Monte Neme, sae o sábado ás 11.00 horas. Ese mesmo día pola tarde, ás 16.30, arrinca Razo-Razo, que incrementa o seu percorrido en seis quilómetros, ata os 66, con respecto ao ano pasado, e incorpora treitos de maior dureza. A terceira proba é o domingo, co percorrido habitual de 89,5 quilómetros polos concellos de Coristanco e Carballo, e que terá a meta situada na rúa Martín Herrera, xunto ao Museo de Bergantiños-Oficina de Información Turística.

A proba será valedeira para o Campionato Galego e congregará durante dous días a numerosos deportistas e visitantes chegados de moitos recunchos, o que convirte o deporte nun elemento máis de desenvolvemento turístico. Por iso, a Deputación da Coruña e a CMAT, organizan actividades especiais e ofertas de aloxamento para visitantes e acompañantes. Non tendes excusa para non achegarvos a Carballo!