REAPERTURA DO FARO DE CABO VILÁN

A Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas volve abrir o faro de Cabo Vilán o próximo 1 de xullo.
Costa da Morte » Camariñas
venres, 26 Xuño, 2020

A Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas informa que o próximo día 1 de xullo se procede á reapertura do Faro do Cabo Vilán, e con este, xa son oito os anos que a Asociación se encarga da xestión e apertura do faro.

Gracias ao traballo da asociación e a axuda que recibe dende o ano 2018 da Deputación da Coruña, os visitantes que se acheguen a Camariñas e o Cabo Vilán teñen a súa disposición a sala de exposicións, a oficina de turismo e a cafetería-tenda para poder disfrutar deste edificio tan emblématico e único da Costa da Morte.

Este ano debido á situación e partindo das recomendacións do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, existe a obrigación de tomar unha serie de medidas de prevención, entre elas: limitar o aforo, tanto o total como nas salas, percorrido da visita en sentido único, obrigatoriedade do uso da máscara, redución de horario...

Como se ven facendo dende o inicio, a sala de exposicións acollerá durante este mes unha nova mostra de pintura e escultura da autora María del Carmen Sendón.

HORARIO: De 11h a 19h de martes a domingo. Uso obrigatorio de máscara.