Romaría de Santa Minia 2017 en Brión

Os sons e recendos da romaría máis popular da bisbarra axiña regresarán a Brión para celebrar, un ano máis, unha das festas populares con máis sona e tradición de toda Galicia.
Fogos artificiais na Romaría de Santa Minia (Brión)
Fogos artificiais na Romaría de Santa Minia (Brión)
Terras de Santiago » Brión
xoves, 14 Setembro, 2017

A romaría más popular da comarca regresa a Brión os días 24, 25, 26 e 27 de setembro, datas nas que se espera que milleiros de visitantes se acheguen á carballeira que leva o nome da Santa mártir para participar na celebración da Romaría de Santa Minia 2017.

Como destacada novidade desta edición, o calendario festivo iniciarase o domingo 24 co acendido da iluminación da Carballeira de Santa Minia, sumando un total catro xornadas festivas na que a devoción relixiosa se mesturará co ambiente lúdico dunha celebración centenaria onde non faltarán as cerimonias litúrxicas, a música e o baile e, como non, a mellor gastronomía galega.

Ademais das numerosas actuacións musicais, espectáculos de maxia, teatro de rúa, etc., que conforman o programa, cabe destacar a actuación do artista galego Roi Casal que presentará na Carballeira de Santa Minia o espectáculo musical "Son galego, son cubano". Un concerto homenaxe á figura de Xosé Neira Vilas e á emigración cubana, onde Roi interpretará cancións escritas polo recoñecido escritor e inspiradas neste pais caribeño que tantas ligazóns sentimentais garda con Galicia. O espectáculo terá lugar o luns 25 de setembro ás 22:30 h., con entrada de balde para todos os asistentes.

Coma de costume, o concello poñerá a disposición dos visitantes áreas de aparcadoiro gratuítas. Dende o Concello de Brión quérese facer especial fincapé en que o aparcadoiro é totalmente de balde, unha advertencia para que ningún visitante se deixe enganar pola "picaresca" dalgunhas persoas que se aproveitaron dalgúns romeiros para cobrarlles un alugamento por estacionar o seu vehículo.

Os autobuses deberán facer transbordo xunto ao Centro Social Polivalente, xa que a avenida de Santa Minia permanecerá cortada ao tráfico durante a tarde do martes e mércores todo o día, un corte que xustifican polos máis de 200 postos de venda que ocuparán as dúas marxes da avenida. Os veciños residentes non terán problemas en acceder aos garaxes, pois repartiranse pases especiais para que cheguen sen problema aos seus fogares.

Ligazón ao blog da Romaría de Santa Minia 2017