
Esta celebración, á parte de ofrecer os actos propios da Romaría e o seu divertimento, pretende poñer en valor os acontecementos que historicamente se foron sucedendo, ano tras ano.
Até non hai moito tempo era tradicional a Feira da Madeira, onde se aproveitaba a Romaría para vender apeiros de labranza. Tamén era tradicional a visita dos mariñeiros e as súas familias para agradecerlle á Virxe de Pastoriza que os protexese e os salvase dos perigos que a cotío vivían sobre as ondas do mar.
Así é que, desta volta vai haber en Pastoriza unha demostración e Obradoiros de artesanía da madeira, cesteiros, carpintería de ribeira (tamén se traerá un barco), redeiras ou zoqueiros que se complementará cunha exposición e Obradoiro de olería procedente da Ribeira Sacra.
Todo isto estará amenizado a partir das doce do mediodía e até a noitiña con grupos de música tradicional como a ACTriskell, Devandoira, As Revolteadoras, banda de Gaitas, xantar popular, clase de baile e culminará esta Xornada cos concertos dos grupos DEQUENVÉSSENDO e BRATH.
“Pastoriza ben vale unha Romaría”