Santiago acollerá en novembro a máis de medio milleiro de persoas nun congreso de protocolo

Baixo o lema “Xacobeo 21. Camiñando xuntos” o Comité Executivo do encontro, que podería contar coa presidencia de honra do Rei, presentou a semana pasada un avance do que será o seu programa.
Congreso de Protocolo e Eventos
Congreso de Protocolo e Eventos
xoves, 13 Maio, 2021

O Observatorio Profesional de Protocolo e Eventos (OPPE) presentou en Santiago de Compostela un congreso internacional de protocolo e eventos, que terá lugar os días 11, 12 e 13 de novembro. O evento, que poderá seguirse de forma telemática, pretende mandar a mensaxe da “necesidade de romper barreiras e xerar solidaridades”, xa que “estamos ante unha clara evolución do protocolo que tende a sentirse moi cerca das persoas”.

Rafael Vidal, presidente do OPPE, apuntou que “queremos dar a coñecer o noso traballo profesional que, dende fai anos, é tamén unha importante disciplina académica”.

Isabel Figueira, unha das dúas xefas de Protocolo da Xunta de Galicia, doutra banda, sinalou o feito de que este encontro se celebre en Santiago: “gratifícanos como galegos. Pon en valor aínda máis, se cabe, que Galicia non só é destino de relixión, cultura e coñecemento”.

Carlos Fuente, director do Instituto de Protocolo ISEMCO, destaca que “o programa que se preparou intenta responder ás novas esixencias actuais mediante un debate conformado dende unha óptica novidosa para este sector. O protocolo e os seus eventos non son hoxe unha representación da xerarquía poder, non é o anecdótico, senón unha maneira de traballar a comunicación, a proxección e a imaxe das institucións públicas e privadas”. Sinalou, ademais, que derivado da pandemia, este encontro valorará e aportará medidas “que contribúan á accesibilidade, sustentabilidade, responsabilidade social e seguridade xeral dos eventos”.