Santiago foi o segundo destino máis popular neste verán para os turistas españois

O aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro moveu o 67% dos pasaxeiros dos aeroportos galegos no pasado mes de agosto fronte ao 55% que tivo no ano 2019.
Terras de Santiago » Santiago de Compostela
xoves, 24 Setembro, 2020

Santiago foi o segundo destino máis reservado en Civitatis polos turistas españois neste verán, segundo os datos desta plataforma líder na distribución en liña de actividades, excursións e visitas guiadas, tal como destacou o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte. O concelleiro valorou os datos do pasado verán nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola Xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.

Sindo Guinarte recoñeceu que, por mor do Covid-19, os datos turísticos do verán estiveron lonxe dos anos precedentes, nos que se produciu un crecemento constante do turismo internacional e unha mellora na conectividade internacional do aeroporto. Os datos tamén estiveron lonxe das previsións que se manexaban a comezo do ano, cando a tendencia indicaba que sería un ano no que se poderían superar os máximos históricos na cidade.

Sen embargo, o concelleiro quixo destacar que, neste contexto tan complexo no que os movementos turísticos estanse reducindo en todo o mundo, especialmente os internacionais, os datos dispoñibles de fontes oficiais amosan que Santiago foi capaz de resistir mellor que a media española, amosando a súa fortaleza e atractivo como destino turístico. 

Neste sentido, Sindo Guinarte suliñou que o aeroporto de Santiago foi o segundo cunha menor caída no mes de agosto entre os primeiros 14 aeroportos de España. O descenso en Santiago foi do 50%, fronte a un descenso do 69% na media dos aeroportos españois. Este comportamento permitiu que Santiago sumase o 67% dos pasaxeiros nos aeroportos galegos, fronte a un 55% do 2019.

Os datos de pernoctacións do verán publicadas polo INE tamén confirman a maior resistencia de Santiago con respecto á media española. No mes de xullo, o descenso en Santiago foi do 66,2%, fronte a unha baixada media en España do 73,4%. No mes de agosto, a baixada en Santiago redúxose ata o 52,7%, fronte á media en España do 64,3%.

Dende Turismo de Santiago fíxose un esforzo moi importante para incentivar a demanda nesta temporada de verán. O obxectivo da entidade municipal foi captar turismo español, en especial familias, promocionando a cidade como un destino seguro, tranquilo, con boa gastronomía e un gran número de parques onde pasear con seguridade. 

En concreto, desenvolvéronse dúas accións específicas para este verán. A primeira foi a campaña de promoción "Santiago de Compostela. A Túa Historia", que buscaba promocionar a Santiago como unha cidade para viaxar en familia, verde e cunha gran gastronomía. Os resultados superaron os obxectivos marcados. A campaña conseguíu máis de oito millóns de impactos, cando o obxectivo era chegar a tres millóns. Ademais, os vídeos da campaña reproducíronse máis de 700.000 veces, cando o obxectivo era chegar a 450.000.

Pola súa parte, a campaña "Santiago Prémiate" é unha iniacitiva que se desenvolve en colaboación coa Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, que consiste en premiar ás persoas que pernoctan nun hotel ou pensión de Santiago un mínimo de tres noites cunha visita guiada pola cidade valorada en 12 euros. Santiago Prémiate comezou o 15 de xullo e ata o momento participaron nela preto de 700 turistas.

ra os mercados asiáticos súmase á recente participación na City Fair, unha feira virtual con reunión virtuais con compradores europeos e de longa distancia. Dende Turismo de Santiago fíxose fincapé sobre todo na celebración do vindeiro Ano Santo.

Os profesionais cos que se mantiveron as reunión eran emisores de turismo cultural e gastronómico e durante os encontros houbo ocasión de facerlles unha presentación do destino e comentarlles as medidas que se están tomando para asegurar un destino seguro “Preparados Covid”. Amosaron interese polos destinos non masificados e confirmaron que xa están programando viaxes para o vindeiro ano 2021.