Santiago Prémiate agasalla coas primeiras visitas guiadas a un grupo de dez visitantes

As persoas e familias que pasen tres noites nun hotel ou pensión de Santiago poden facer visitas guiadas para descubrir os segredos da cidade valoradas en doce euros cada unha delas.
Terras de Santiago » Santiago de Compostela
venres, 17 Xullo, 2020

Un primeiro grupo de dez persoas visitou onte a cidade da man da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, como agasallo por pasar un mínimo de tres noites nun hotel ou pensión da cidade dentro do novo programa “Santiago Prémiate”. O prezo de venda ao público deste agasallo é de 12 euros por persoa.

“Santiago Prémiate”, froito da colaboración entre Turismo de Santiago e a Asociación de Guías, permite que as persoas que visitan Santiago poden recibir como agasallo visitas guiadas pola cidade. A única condición para poder acceder a esta promoción é pasar un mínimo de tres noites nun hotel ou pensión da cidade.

As persoas que se aloxen polo menos tres noites nun hotel ou pensión da cidade poderán participar sen custo nas visitas “Tour Peregrino” ou “Compostela Contada”. As visitas terán saída garantida todos os días ata o 31 de decembro, dependendo os seus horarios da época do ano. Dende o 15 de xullo ata o 30 de setembro haberá catro saídas diarias: ás 10.00, 12.00, 16.00 e 18.00 horas. 

Un dos principais obxectivos de Turismo de Santiago a curto e medio prazo é captar turismo familiar da península que viaxe con estadías longas e que poda empregar Santiago como centro para coñecer non só a cidade senón tamén Galicia dun xeito seguro.

Santiago Prémiate, que se desenvolve coa colaboración da Deputación da Coruña, enmárcase neste obxetivo. A iniciativa ten dous grandes beneficiarios: máis de 170 hoteis e pensións da cidade, que teñen un agasallo que ofrecer ás persoas e familias que se aloxen tres noites no seu establecemento; e os sectores turístico e comercial da cidade en xeral, xa que aumentar a estadía media nos establecementos da cidade ten unha repercusión económica directa.