A sección de Turismo da Deputación da Coruña colabora coa Axencia de Turismo de Galicia na asistencia a FITUR 2019

Fitur, a Feira Internacional de Turismo máis importante de España, abre as súas portas o vindeiro día 23 e contará coa participación activa da Deputación
mércores, 16 Xaneiro, 2019

A próxima semana, dende o mércores 23 ata o domingo 27 de xaneiro, terá lugar a trixésimo-novena edición de FITUR. No espazo feiral de Madrid IFEMA, A Feira Internacional de Turismo será o punto de encontro dos profesionais do sector turístico e o evento líder en España para posicionar a oferta dos destinos e produtos máis punteiros no mercado nacional e internacional. En total, 10.190 empresas expositoras de 165 rexións, 140.120 profesionais e 110.860 visitantes, xustifican anualmente a eminencia deste encontro.

Como anos anteriores, a sección de Turismo da Deputación da Coruña asiste en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia no seu stand. Alí, os visitantes e profesionais atoparán información xeral da provincia e dos recursos alicerce patrimoniais, gastronómicos e de turismo activo, tanto en formato folleto como dixital. Aproveitarase para darlle difusión, mediante un folleto novo, ao proxecto de Xeoparque de Ortegal e as súas rutas e recursos máis representativos para o turismo activo.

Tamén, o concello de Dumbría dará a coñecer, nunha presentación, o Gran Fondo Ézaro. Trátase do evento de cicloturismo máis recoñecido na provincia da Coruña e Galicia, e parte das probas do circuíto internacional UCI (Gran Fondo World Series), celebrándose cada xullo no corazón da Costa da Morte. Esta presentación fará especial mención ao pelotón que, cun máximo de 1.100 inscritos, constituirase por figuras tan transcendentais coma Javier Gómez Noia e Carlos Sastre.

Segue estas actividades nas nosas redes sociais: Twitter, Facebook e Instagram.