Sigüeiro acolle este sábado a V Primavera no Camiño Inglés, que promove os atractivos etnográficos, gastronómicos e culturais dos 18 municipios polos que pasa a ruta xacobea

Entradiña: 
Este evento está organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso e o seu programa inclúe unha vintena de actividades gratuitas entre degustacións, showcookings, obradoiros infantís e espectáculos familiares
Terras de Santiago » Oroso
Imaxe: 
martes, 31 Maio, 2022
Descrición: 

A alameda de Gois en Sigüeiro (Oroso) acollerá este sábado 4 de xuño a quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso, para poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta xacobea que conecta A Coruña e Ferrol con Santiago de Compostela. 

A presente foi presentada na mañá de onte na sede da institución provincial polo seu presidente Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación do Camiño Inglés Manuel Mirás Franqueira, que estiveron acompañados polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira Varela, e o deputado provincial e concelleiro de Turismo de Oroso, Antonio Leira Piñeiro.

Valentín González Formoso destacou que o evento volverá a reunir aos 18 concellos do Camiño Inglés despois da pandemia para potenciar a imaxe desta ruta que aumentou o seu protagonismo grazas ao traballo conxunto de Deputación, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés e os municipios integrantes. Ademáis fixo hincapé no retorno económico que o Camiño deixa nos concellos e a sua dimesión internacional, que a Deputación e a Asociación de Concellos están a levar a cabo a través de accións turísticas tanto no Reino Unido como noutros países europeos.

Pola súa parte, Manuel Mirás agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña e o traballo de tódolos municipios en cuestión, especialmente o do Concello de Oroso. Tamén destacou, igual que os seus compañeiros, o impacto económico do Camiño. Aspecto no que tamén incidiu o deputado Antonio Leira, indicando que para o Concello de Oroso o Camiño é unha fonte económica que deixa cantidades que representan un 9% do orzamento municipal, convertíndoo nun estímulo para a economía local, e que se fai visible a través da apertura de sete albergues nos últimos anos.

Dentro das actividades gratuitas de Primavera no Camiño Inglés, cun número de prazas limitado, uns municipios darán a coñecer a súa oferta turística, cultural e gastronómica, a través de showcookings, actuacións de música tradiciona, degustación de pratos típicos, entre outros. O evento en cuestión estará dividido en dúas carpas que representan dous escenarios diferentes: o Escenario Primavera cos postos dos 18 concellos e actividades mencionadas anteriormente e que contará a maiores co Espazo Lúdico Primavera con obradoiros infantís; e o Escenario Rede Stelar, vinculado máis á gastronomía e á artesanía, co emprego de productos de kilómetro cero.