As torres do Allo volven ser este verán escenario da segunda edición do xogo de escapismo do primeiro “Pazo Escape” do mundo 

A actividade é de balde, para grupos entre 2 e 10 personas e terá lugar do 30 de xullo ata o 15 de setembro
Costa da Morte » Zas
martes, 23 Xullo, 2019

As torres do Allo volven ser este verán escenario da segunda edición da “Escape Room” que tanto éxito acadou na temporada pasada. Trátase dun xogo de escapismo para realizar en grupos e baixo reserva no que os participantes terán que atopar o xeito de escapar do pazo nun tempo límite. A proposta, con temática totalmente renovada, está especialmente dirixida a aquelas persoas máis aventureiras que queiran coñecer o pazo e o seu entorno nun ambiente divertido e diferente.

Un “escape room” é un xogo no que un grupo de persoas teñen un tempo limitado para lograr saír dun espazo no que se atopan encerrados. A través dunha historia ficticia ambientada no pazo como marco da acción, os equipos terán que resolver probas, abrir cadeados e descifrar códigos para poder escapar nun tempo limitado. Unha actividade diferente para aqueles que busquen unha experiencia activa, esixente e lúdica.

A actividade é de balde, para grupos entre 2 e 10 persoas e terá lugar do 30 de xullo ata o 15 de setembro. O horario establecido é de martes a sábado ás 16 h., baixo reserva previa no enderezo electrónico info@torresdoallo.gal.