TOURO É CAMIÑO. APLICACIÓN DE REALIDADE AUMENTADA

Touro persevera na inversión turística coa actualización dos seus paneis situados na entrada do concello: CAMIÑANDO POR TOURO e TOURO TURÍSTICO
TOURO É CAMIÑO. APLICACIÓN DE REALIDADE AUMENTADA
TOURO É CAMIÑO. APLICACIÓN DE REALIDADE AUMENTADA
Terras de Santiago » Touro
venres, 13 Novembro, 2020

O crecente interese polo turismo rural, na boa compaña dos recursos tecnolóxicos necesarios para o seu goce, conforman un tándem perfecto para calquera que visite Touro ou teña previsto facelo, satisfacendo a súa curiosidade e/ou resolvendo as dúbidas respecto aos recursos que ofrece este destino de interior. Touro é camiño. Aplicación de realidade aumentada é un proxecto vivo que permite a actualización constante dos recursos para o coñecemento da veciñanza e de todas as persoas interesadas no noso patrimonio, nunha aposta de futuro pola riqueza natural, patrimonial e cultural que afiance o interese pola súa continuidade. A realidade aumentada permite engadir información en tempo real da contorna, o equivalente virtual a ter un guía turístico, que nos ilustrará sobrepoñendo contido virtual sobre o que observamos no mundo real, ofrecendo textos, imaxes, sons e vídeos que amplían a información do termo municipal. Así, sen máis necesidade que o noso dispositivo móbil, poderemos multiplicar a información que temos do concello. As rutas homologadas de sendeirismo son un importante polo de atracción e CAMIÑANDO POR TOURO é o panel adicado a súa divulgación, xunto con outros roteiros xa consolidados e que permiten percorrer na súa totalidade o transcurso do gran río Ulla por terras tourenses. Para unha visión máis global da diversidade dos recursos do concello está o panel TOURO TURÍSTICO. Un percorrido por cada unha das dezanove parroquias subliñando os elementos máis destacados do seu patrimonio natural e cultural. Touro é camiño e como tal debe percorrerse, seguindo algunha das súas rutas homologadas ou calquera dos seus roteiros; a pé, en bicicleta ou motorizados; presencial ou virtualmente; na procura do que cada quen decida.