Tres alumnas do CEIP Eusebio da Guarda da Coruña gañan o I Concurso de Turismo Escolar da Deputación da Coruña

Entradiña: 
Teñen 5 anos e fixeron os seus debuxos despois de visitar a granxa de Aldea Nova, en Narón, co programa de Turismo Escolar da Deputación da Coruña.
Imaxe: 
mércores, 4 Outubro, 2017
Descrición: 

Carmen Díz-Lois Quintero, Sara Blanco González e Claudia Vilá Veiga son as tres gañadoras da primeira edición do concurso de Turismo Escolar da Deputación da Coruña. Na tarde do martes, recolleron os seus premios no salón de plenos da institución, de man do deputado de Turismo da Deputación, Xosé Regueira.

Os seus debuxos gañadores recollían imaxes que elas escolleron despois da súa visita á granxa de Aldea Nova, en Narón, dentro do programa de Turismo Escolar da Deputación da Coruña. O xurado destacou do debuxo de Carmen Díz-Lois, o gañador co primeiro posto, ao tratarse dunha "representación real da visita de turismo escolar aos recursos provinciais, cunha linguaxe expresionista e contemporánea, ben proporcionada a estrutura, creativa e alegre". O debuxo de Sara Blanco González, que quedou en segundo lugar, foi escollido "por ser moi gráfico, abstracto e colorista, con elementos flotantes no espazo de fondo branco". En canto ao presentado por Claudia Vila selecciónase "por ser narrativa, moi potente con linguaxe minimalista e personaxes coa mesma liña gráfica, na que non se diferencia por sexos". Tanto as alumnas como o centro recibiron lotes de xogos e contos infantís como premio.

"Con esta iniciativa buscamos, por unha parte, incentivar o coñecemento do patrimonio artístico, histórico e natural por parte do alumnado dos centros de ensino e, pola outra, que ese "turismo" sexa participante, é dicir, provocar que as visitas deixen pegada, como os debuxos de Carmen, Sara e Claudia que hoxe reciben os premios desta primeira edición do concurso", explicou Xosé Regueira.

O programa de Turismo Escolar da Deputación da Coruña está dirixido a escolares de entre 4 e 16 anos, tanto a través das visitas para coñecer o patrimonio cultural e natural como no concurso. Na iniciativa ofértanse cinco rutas para coñecer o patrimonio ao vivo, da pegada romana no Mandeo ás testemuñas de pedra no castelo de Vimianzo, pasando polo achegamento á tradición da olería en Buño. A esta oferta deseñada pola Deputación incorporáronse recentemente os recursos ofertados polos concellos. Máis información sobre este programa aquí