Turismo da Deputación da Coruña achega máis de dous millóns de euros para a mellora e profesionalización do sector

A través de dúas liñas de concorrencia destina 1.263.636 € aos entes de xestión para mellora da calidade e 787.812 € para a profesionalización das áreas municipais
Oficina de Turismo de Ferrol, Plaza de España
Oficina de Turismo de Ferrol, Plaza de España
xoves, 22 Abril, 2021

Entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos reciben máis de 2 millóns de euros para financiar dúas liñas de traballo enfocadas na mellora e profesionalización do sector, así como na contratación de persoal técnico para as oficinas de turismo dos concellos.

En palabras do deputado de Turismo e tamén vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, "Neste ano e, coa situación que estamos a vivir, estas dúas liñas de subvencións son aínda máis necesarias". Na resolución publícase a concesión dun orzamento de 1.263.635€ para a liña da mellora da calidade turística, que se distribúe entre 16 entidades, e 787.812€ para a contratación de persoal técnico nas áreas de turismo municipal.

A convocatoria permitirá que 56 concellos de menos de 50.000 habitantes poidan contar con especialistas no sector. "A profesionalización das áreas municipais tamén nos concellos de menos poboación é tamén un dos obxectivos da área de Turismo da Deputación da Coruña que aposta claramente por unha oferta de calidade" sinala o deputado de Turismo, Xosé Regueira.