Turismo da Deputación da Coruña defende en Barcelona o modelo dos parques patrimoniais e a Reserva das Mariñas

O vicepresidente e deputado de Turismo participa na feira B-Travel de turismo industrial que se desenvolve dos días 11 a 13 de xuño
O vicepresidente Xosé Regueira e Josep Maria Pey, encargado de B-Travel
O vicepresidente Xosé Regueira e Josep Maria Pey, encargado de B-Travel
venres, 11 Xuño, 2021

B-Travel é unha feira referente no sector do turismo de experiencias, con zonas expositivas que en cada edición reciben uns 36.000 visitantes e 1.233 profesionais con 189 expositores de máis de 40 países. A Deputación da Coruña participará cun posto no que se distribuirá información de carácter turístico dos xeodestinos e os concellos da provincia. Este ano, a parte de B-Industrial ofrece tamén unha actividade de Escape Room baseada na espionaxe industrial na que se poderán gañar moitos premios, como un lote de produtos gastronómicos da Reserva da Biosfera das Maniñas Coruñesas e o Mandeo.

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defenderá na feira o modelo de xestión dos proxectos supramunicipais de parques patrimoniais nos que está traballando xunto cos concellos nun evento no que terá espazo propio e promocionará tamén o proxecto de Reserva da Biosfera das Mariñas. O proxecto de Parque de Ortegal, o do Megalitismo da Costa da Morte, o da Idade de Ferro da Barbanza, o Compostela Rupestre ou o do río Anllóns, ademais da Reserva da Biosfera das Mariñas, serán os eixes centrais da participación da Deputación da Coruña no programa da feira de turismo industrial de Barcelona.

Xunto co técnico Ángel Eiroa, Xosé Regueira defenderá na intervención oficial o conxunto de proxectos patrimoniais que poden centrar a atención de representantes do sector que se dan cita na xornada profesional de Turismo Industrial, nun programa no que tamén se presentará o proxecto de Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, primeiro destino de ecoturismo certificado de Galicia por parte do técnico Diego López e o presidente José Antonio Santiso Miramontes."O mercado do turismo aposta por unha oferta de calidade, con atención á paisaxe e nós podemos responder con grande nivel a esas demandas", explica Xosé Regueira, que valora moi positivamente a recepción que en Fitur tivo a presentación do proxecto de Xeoparque de Ortegal.