Turismo de Santiago participa na Jata Online Travel Mart para os mercados asiáticos

A entidade de promoción turística municipal traballa na promoción da cidade de cara ao Ano Santo adaptándose aos novos formatos consecuencia do Covid-19.
Terras de Santiago » Santiago de Compostela
luns, 31 Agosto, 2020

Do 31 de agosto ao 2 de setembro, Turismo de Santiago participará virtualmente na edición virtual da Jata, Jata Online Travel Mart, a principal feira turística do mercado xaponés, que este ano celebrarase en formato electrónico pola crise sanitaria xerada polo Covid-19.

A feira está organizada pola Asociación Xaponesa de Axencias de Viaxes. Turismo de Santiago acude anualmente ao evento presencial xa que se trata dun espazo moi importante para a promoción turística da cidade no mercado xaponés así como noutros mercados asiáticos relevantes, como o coreano.

Neste 2020, a entidade de promoción turística municipal participará igualmente no evento co obxectivo de posicionar a cidade como destino seguro e atractivo unha vez se supere a crise sanitaria e se recupere a normalidade nos movementos.

Neste sentido, cabe destacar o interese amosado polos compradores xaponeses que están comezando a programar para o 2021 con miras ao Ano Santo e están xa solicitando contactos de provedores locais.

Este interese do mercado xaponés por Santiago demóstrase co feito de que a axenda de reunións está xa completa os tres días de feira, con 24 reunións previstas con turoperadores e axencias de viaxes que comercializan viaxes a España ofrecendo turismo cultural, gastronómico, de natureza e aventuras.

A feira online celebrarase na hora xaponesa, sete horas de diferencia coa hora local. As reunións de Turismo de Santiago farase na última franxa horaria do evento, que coincide de 08.00 a 12.00 do horario español.

A participación nesta feita virtual para os mercados asiáticos súmase á recente participación na City Fair, unha feira virtual con reunión virtuais con compradores europeos e de longa distancia. Dende Turismo de Santiago fíxose fincapé sobre todo na celebración do vindeiro Ano Santo.

Os profesionais cos que se mantiveron as reunión eran emisores de turismo cultural e gastronómico e durante os encontros houbo ocasión de facerlles unha presentación do destino e comentarlles as medidas que se están tomando para asegurar un destino seguro “Preparados Covid”. Amosaron interese polos destinos non masificados e confirmaron que xa están programando viaxes para o vindeiro ano 2021.