Unha imaxe de San Cosme de Irixoa gaña o I Premio de Fotografía turística 93 destinos por descubrir

Irixoa, A Coruña e Muxía son os tres destinos fotografados nas imaxes gañadoras do I Premio de fotografía turística da Deputación da Coruña que hoxe se decidiu na sede da institución.
xoves, 15 Xuño, 2017

Yago Iglesias, Nacho Romero e Marcos Boedo son os gañadores da primeira edición do certame.

Un xurado composto polos fotógrafos Vítor Mejuto e Víctor Echave, as técnicas da área Maite Loureiro e Paula Cabado co deputado de Turismo, Xosé Regueira como presidente e o xefe do servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego, Rafael Aguado como secretario escolleron as fotografías gañadoras entre o total de 187 presentadas polas 68 persoas participantes.

A titulada "San Cosme de Irixoa", de Yago Iglesias García, resultou a gañadora do 1º premio por ser, segundo o xurado "unha imaxe atemporal e serea, que fala de patrimonio e historia".

O segundo premio foi para Nacho Romero e a súa fotografía "Catro camiños" que capta unha parte da praza da Coruña, que, segundo o xurado é "unha obra cosmopolita, dinámica; é unha imaxe vibrante que reflexa o pulso dunha gran cidade".

Finalmente, o 3º premio contempla unha "Posta de sol en Muxía" e está asinada por Marcos Boedo Casanova que foi escollida "por xuntar nunha mesma imaxe o mar e a gastronomía, e aínda que non hai esencia humana, vai implícita".

Por último, o xurado propuxo por unanimidade facer unha mención especial á obra "Curro", de José Manuel Fernández Souto, porque a pesar de que a temática é moi recorrente no ámbito da fotografía, o encadre da imaxe é cinematográfico e novidoso.

O deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, destacou a alta participación no concurso na súa primeira edición. "A imaxe é unha das maneiras de promover os distintos destinos de grande beleza paisaxística e monumental e, nese sentido, o concurso respondeu aos obxectivos e captou a través das cámaras o potencial turístico que temos", destaca ao tempo que anota o grande impacto na xestión turística que tivo a popularización da fotografía nos últimos anos.