"Vexo, logo existe" é a nova exposición que acollerá o faro Vilán ata decembro

Esta exposición de pintura de María Eiras estará ata decembro no faro do cabo Vilán, en Camariñas, en horario de mércores a domingo de 11:00h a 14:00h e de 15:30h a 20:00h.
No faro Vilán de Camariñas ata decembro
No faro Vilán de Camariñas ata decembro
Costa da Morte » Camariñas
luns, 23 Outubro, 2017

Vexo, logo existe é unha mostra composta por máis de trinta cadros, de pequeno e gran formato, que presenta un denominador común: a presenza dunha liña de horizonte. En consonancia, o faro de cabo Vilán suxírenos o mesmo, unha infinita e eterna liña de paisaxe oceánica que transporta ao visitante a un mundo de emocións propias. A maiores, algunhas das obras preséntanse acompañadas de textos producidos pola artista e escritora Silvana Lameiro Micciche que, coa súa prosa plástica, fresca e evocadora, ofrece a súa particular visión das mesmas.

María Eiras (Santiago de Compostela, 1976), licenciada en Psicoloxía e graduada en Belas Artes, dirixe dende o 2011 Mareiras Espacio de Arte en Santiago de Compostela, onde desenvolve tanto a súa faceta artística, como a de docente e a de xestión en proxectos culturais. Estamos diante dunha artista que traballa coa sombra, e co poder evocador da mancha. Nesta ocasión presenta un proxecto centrado nos mecanismos da percepción, e de como esta é un proceso subxectivo e individual. O ollo capta a información, pero é o noso cerebro o que descodifica os datos a través das nosas experiencias e da nosa subxectividade, dando así a forma final á nosa interpretación e sentir.

Percorrido artístico

A nivel individual a súa obra foi exposta na galería de arte "El Taller de Compostela", co proxecto Constanza (2013). Ese mesmo ano participou na IV Edición do Café Con "Mareiras" e no C. S. O Ensanche. 

En exposicións de carácter colectivo, participou na I Edición de Libro de Artista de la Galería Alda con Limón (2017), no Festival Miradas de Mulleres (2014, Mondariz), na III Edición de Arte e un Café (2014), en Portas Abertas no Fórum Eugenio Almeida (Portugal, 2013), en "Autómatas del Consumo" na Galería El Taller (2013, Santiago de Compostela), en "Novos Valores" (2012, Brión),  en "Container Inside" na Cidade da  Cultura (2012, Santiago de Compostela), en "15 proyectos de espacio para 1 espacio" no Pazo de Torrado (2010, Cambados) ou no SIE7E MÁS TR3S no Centro Salvador García Bodaño (Vigo, 2010).

Máis información en www.farovilan.com e www.turismocamarinas.net.