Centro de interpretación das Minas de San Finx

Centro de interpretación das Minas de San Finx

O conxunto das minas de estaño e wolframio de San Finx deixou de funcionar definitivamente en 1989. Aínda que puideron explotarse con anterioridade de forma artesanal, a comezos do século XX comezou a explotación de carácter industrial, pasando por varias empresas de capital inglés. Xa na década de 1930 ábrense o Pozo Novo e trasládase a planta de refino, que ata entón estivera en Carril (Pontevedra) aos terreos da mina.
Actualmente interveuse en todo este complexo para recuperar a súa riqueza patrimonial, co obxectivo de recrear as instalacións e o funcionamento da mina nos tempos de maior actividade. Mediante un Taller de Emprego deseñáronse itinerarios e paneis para coñecer as principais instalacións, e no edificio das Escolas creouse un Centro de Interpretación, que organiza visitas guiadas previa cita.

Acceso

Hai que dirixirse á localidade de Ces, e desde alí está sinalizada a estrada ata as Minas de San Finx. A Ces chégase desde Portobravo e Aldeagrande Lousame polo CP-4201, ou ben saíndo de Noia cara a Rianxo, polo CP-1104, tomando o desvío á esquerda un quilómetro despois de pasar pola localidade de Carantoña.

Máis Información

Máis información en www.concellodelousame.com/es/historia/minas/minas.html
e na web de BUXA (Asociación Galega de Patrimonio Industrial)