Faro da Estaca de Bares

Faro da Estaca de Bares

O Cabo de Estaca de Bares é o punto máis setentrional da Península Ibérica. Incluído na Rede Natura 2000 (xa en tempos da II República foi declarado Sitio Natural de Interese Nacional), é un lugar ideal para a observación ornitolóxica, posto que conflúen nel varias rutas migratorias de especies mariñas e terrestres.
Nesta paraxe levántase un faro de mediados do século XIX, desde o cal parte un camiño que nos permite achegarnos ata a Punta de Estaca de Bares e os seus impresionantes cantís.
Nas proximidades atópanse outros elementos de interese, entre os que destacan a antiga central eólica e o conxunto dos muíños de Bares, a menos dun quilómetro de distancia, o antigo semáforo de Bares, no alto do Cabo, e hoxe convertido en hotel, ou o conxunto da Vila de Bares e Porto de Bares

Acceso

Desde a Vila de Bares, ao saír do núcleo urbano, hai unha bifurcación, ben sinalizada, que nos permite dirixirnos cara a Porto de Bares e o Semáforo, ou ben cara ao Faro de Estaca de Bares, que se distingue perfectamente e conta cun espazo para aparcar nas súas inmediacións.
O acceso ao faro e a senda ata a Punta teñen que facerse a pé

Máis Información

Máis información sobre a antiga central eólica na web de BUXA (Asociación galega de patrimonio industrial)