Salto da Ventureira e as centrais do Eume

Salto da Ventureira e as centrais do Eume

En 1901, a "Electra Industrial Coruñesa" presentou o proxecto de construción da central hidroeléctrica do Salto da Ventureira (coñecida tamén como Central da Capela), que comezou a funcionar en 1903. Nos anos seguintes conectouse con outras centrais da contorna e aumentou a súa capacidade produtiva, ata que deixou de traballar en 1959, coa posta en marcha da veciña Central do Eume.
Está situada nunha magnífica paraxe natural, no corazón das Fragas do Eume, e á beira da central, que se pode visitar exteriormente, discorren varias rutas de sendeirismo. Seguindo a que conduce, pola marxe sur do río, cara ao mosteiro de Caaveiro, pásase xunto á Central do Eume, moi preto do Salto da Ventureira, e, máis adiante, pola pequena central de "O Parrote". É unha senda sinalizada e fácil de seguir a pé, aínda que hai un forte desnivel cara ao río.

Acceso

Pódese chegar en coche ata o Salto. Desde a estrada AC-564 (Ferrol-As Pontes de García Rodríguez), tómase un desvío cara ao sur nas Neves, atravesando o poboado do Eume e Gunxel cara ao Salto da Ventureira, por unha estrada estreita e con algúns tramos de forte pendente.

Máis Información

Máis información sobre o Salto da Ventureira na web de BUXA (Asociación galega de patrimonio industrial)