A Deputación reafirma na XLIV Exaltación do Viño da Ulla a súa aposta pola promoción do sector vitivinícola coruñés

Contenido reciente

O vicepresidente, Xosé Regueira, afirma que «queremos seguir dando visibilidade a un produto que forma parte da nosa cultura e que ten un enorme potencial como xerador de riqueza e oportunidades para o territorio»
Sábado, 11 Abril, 2026

A Deputación da Coruña participa esta fin de semana na programación da XLIV Exaltación do Viño da Ulla coa organización dunha demostración culinaria incluída na súa campaña 'A paisaxe que sabe'. A actividade celebrouse este sábado e consistiu nun showcooking con tres pases a cargo do chef André de Arzúa, de Espazo Abella.

As demostracións de Arzúa tiveron lugar ás 18:30, 19:30 e 20:30 horas, e incluíron harmonización con viños da subzona Ribeira do Ulla da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Durante a actividade, o cociñeiro elaborou un lingote meloso de tenreira galega con maionesa de chipotle e risoto de shiitake, así como unha torta de queixo de Arzúa con crumble de mazá e marmelada de arandos.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, destaca que «o viño da Ulla representa á perfección esa unión entre territorio, tradición e excelencia pola que apostamos desde a Deputación» e subliña que «promover este sector é tamén apoiar o rural, a paisaxe, a gastronomía e a identidade propia da nosa provincia».

Regueira afirma ademais que «queremos seguir dando visibilidade a un produto que forma parte da nosa cultura e que ten un enorme potencial como xerador de riqueza e oportunidades para o territorio».

Ao respecto, cómpre lembrar que —hai pouco máis dun ano— a área de Turismo presentou a páxina web viñosdacoruña.gal, un espazo divulgativo dedicado aos viños da provincia que inclúe tamén información específica sobre os caldos da Ribeira do Ulla.