Volve o Festival Irmandiño de Moeche

Moitos eventos se celebran ao longo do ano no municipio de Moeche, a pesar de ser en extensión un dos máis pequenos da provincia, pero se podemos anotar algún na axenda pola súa importancia histórica e dimensión debemos mencionar dous: A Feira do Cabalo do 23 de abril, e o Festival Irmandiño de Moeche.
Este último celebrará esta fin de semana, o 18, 19 e 20 de agosto a súa XLIV edición, onde poderemos volver a gozar de música a esgalla, xogos tradicionais, bo comer e, por suposto, do Asalto ao Castelo.
Xa está publicado o cartel co que a A. C. Irmandiños de Moeche conta con reivindicar un suceso histórico ainda moi descoñecido como son as Revoltas Irmandiñas, que entre 1467 e 1469 supuxeron a destrución de mías de 150 fortalezas e casas fortes por todo o territorio galego, ante os inaguantables abusos da clase social que ostentaba o poder.
Grupos como Huntza, Bestas, Andrés Penabad e Banda Xangai pasarán polo escenario irmandiño o sábado, 19 de agosto, mentres que Encrucillada e Os de Abaixo terán o seu turno á tardiña do día seguinte, ao carón do castelo.
Pero as actividades non rematan aquí, posto que, a parte da subida con fachos ata o castelo e o posterior espectáculo pirotécnico, ao longo do tarde do sábado terán lugar os xogos infantís - co correspondente asalto infantil - tamén nas inmediacións do castelo, e o venres á noite máis o sábado pola tarde terán lugar no campo do festival a repichoca popular e os xogos tradicionais, respectivamente.