Antigamente, viaxeiros procedentes do norte de Europa, especialmente de Inglaterra, desembarcaban nas costas coruñesas para iniciar a súa peregrinación. Ben partindo da Coruña ou de Ferrol, ambos camiños únense nas inmediacións de Mesía, no Hospital de Bruma, e continúan en dirección a Santiago. Este percorrido coñécese como o Camiño Inglés e é un dos que transcorren de forma íntegra pola provincia. Estas terras destacan especialmente polo seu patrimonio cultural, que podemos atopar xa ao comezo do Camiño. A Torre de Hércules, o faro romano Patrimonio da Humanidade que se atopa na Coruña, era e é o encargado de guiar ás embarcacións que atravesan o corredor atlántico. Se algunha destas embarcacións quería entrar na ría de Ferrol, dúas construcións militares estratexicamente colocadas a ambos os dous lados da ría controlaban o seu acceso: os castelos de San Filipe e da Palma.
Saíndo de Ferrol, percórrense os concellos de Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela. O procedente da cidade da Coruña transcorre tamén por Culleredo, Cambre, Carral, Abegondo e Mesía.
Os atractivos que se poden apreciar neste camiño son moi particulares, por exemplo os castelos de San Filipe en Ferrol e A Palma en Mugardos. Conforman unha espectacular paraxe en combinación coa ría de Ferrol. Desde A Coruña pódese gozar de monumentos como a soada Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade, ou o castelo de San Antón. Os parques como o de San Pedro ou Santa Margarita tamén adornan marabillosamente a cidade. Pero deixando estas dúas cidades, así como tamén o colofón final que supón Santiago de Compostela, no Camiño Inglés pódense ver outros recursos de interese, como o Torreón dos Andrade en Pontedeume, a igrexa de Santa María en Cambre ou a espectacular arquitectura de Betanzos. Ademais, o interese desta versión do Camiño vese incrementado pola posibilidade de atopar maior información dos recursos mediante códigos QR, ao longo do itinerario.
Xa na urbe santiaguesa, á marxe de todo o que supón a espectacular praza do Obradoiro, nas súas proximidades destacan construcións civís por exemplo o pazo de Baamonde ou a Casa do Cabildo, comungando á perfección coas empedradas rúas compostelás. O peregrino tamén pode ver outros atractivos, sempre en harmonía co contexto, como as exposicións do museo do Centro Galego de Arte Contemporánea, obra do aclamado arquitecto Álvaro Siza, apegado á modernidade e cun ollo posto sobre a realidade da cidade. Ao seu lado, destaca o conxunto que supoñen o convento de Santo Domingo de Bonaval e o parque, de mesmo nome, que resulta ser un oasis de tranquilidade, vistas e recreación.
Etapa: Ferrol - Neda. 15 km
Que visitar:
En Ferrol podemos visitar a igrexa de San Francisco do s. XVIII, o arsenal do s. XVIII, deseñado entre outros por Petit de la Croix, o Hospital da Caridade, hoxe Centro Cultural Torrente Ballester, construído en 1780 para auxilio de enfermos, pobres e peregrinos. A Concatedral de San Xiao do s. XVIII con planta de cruz grega, as prazas de Amboage e de Armas, dentro do casco histórico da cidade, o Teatro Jofre de 1892, icona da arquitectura modernista, o Castelo de San Filipe do s. XVI e as numerosas praias enclavadas en paisaxes naturais únicas.
En Narón, o Mosteiro de San Martiño de Xubia, do s. VIII e reconstruído no XII baixo a orde do Cluny.
En Neda, a Igrexa de Santa María do s. XVIII, os restos do hospital de peregrinos do Sancti Spiritus, a Torre do Reloxo (1786), as casas asoportaladas da Rúa Real do s. XVII e XVIII e a Igrexa de San Nicolás do s. XIV.
Concellos polos que pasa a ruta:
Etapa: Neda - Pontedeume. 16 km
Que visitar:
En Cabanas atopamos o Mosteiro de San Martiño do Porto do s. XV e ao cruzar o río Eume atopamos a ponte construída por Fernán Pérez de Andrade no s. XIV e reconstruída entre 1863 e 1870, substituíndo así á ponte gótica orixinal.
Pontedeume conta cun casco histórico cunha gran riqueza de recursos histórico artísticos. Podemos visitar entre outros, o Convento de Santo Agostiño, a Capela das Virtudes, o Torreón dos Andrade que preside a vila, a casa consistorial acaroada á Torre Ulloa e xa fóra da vila podemos visitar o santuario de San Miguel de Breamo.
Concellos polos que pasa a ruta:
Etapa: Pontedeume - Betanzos. 21 km
Que visitar
Antes de entrar en Miño, podemos observar a ponte medieval sobre o río Baxoi, dun só arco, que forma parte da rede de pontes mandados construír por Fernán Pérez de Andrade no s. XIV.
A Ponte do Porco sobre o río Lambre achéganos á lenda de Roxín Roxal, que da nome a este lugar, onde se poderá gozar dun espazo natural onde a desembocadura do río forma unha praia cun longo areal e augas tranquilas.
Seguindo camiño a Betanzos, atopámonos en Paderne a igrexas de San Pantaleón das Viñas e xa no Bentanzos Vello a igrexa de San Martiño de Tiobre, así como o santuario da Nosa Señora do Camiño ou Santuario dos Remedios do s. XVI.
Concellos polos que pasa a ruta:
Etapa: Betanzos - Hospital de Bruma. 28,3 km
Que visitar
Betanzos, é sen dúbida unha das vilas de maior interese histórico artístico da provincia. A súa muralla e as súas calexas fan desta vila unha estancia ideal para gozar de pracenteiros paseos. Son numerosos os monumentos que podemos visitar entre os que destacan o Pazo de Bendaña dos séculos XV-XVIII e o Pazo do Concello do s. XVIII. Entre o patrimonio relixioso destaca a Igrexa de Santiago do s. XV que no seu interior alberga a capela renacentista de don Pedro de Ben, a Igrexa de San Francisco do s. XIV, onde se atopa o sartego de Pérez de Andrade “O Bo”, a Igrexa de Santa María de Azougue e a Convento de San Domingos do s. XVII.
O Parque do Pasatempo, curioso parque temático construído entre 1893 e 1914 é outra parada obrigada nesta vila.
Concellos polos que pasa a ruta:
Etapa: Hospital de Bruma - Sigüeiro. 24,8 km
Que visitar
A Capela de Bruma, datada no s. XVI, é un modesto edificio de cachotería localizada nunha contorna vinculada directamente ao Hospital de Bruma, onde da comezo esta etapa.
Xa no Concello de Ordes atopamos a igrexa de San Paio de Buscás e a igrexa de San Xiao de Pulo, ambas de orixe románico. Antes de entrar á vila principal do Concello de Oroso, Sigüeiro, pasaremos a ponte do río Tambre de posible orixe medieval, escenario dun feito histórico en Galicia, o levantamento do Coronel Solís contra as tropas do goberno, que posteriormente se convertería nun dos chamados 'Mártires de Carral' tras a súa derrota.
Concellos polos que pasa a ruta:
Etapa: Sigüeiro - Santiago de Compostela. 16,5 km
Que visitar
Chegando xa ao noso destino, pasaremos pola Ponte Sionlla e o Castro de Formarís.
Xa no Concello de Santiago de Compostela antes de chegar ao seu casco histórico, pasamos polo parque onde se atopa a Ponte Mantible, que é en realidade un acueduto mandado construír polo arcebispo Xelmírez a comezos do século XI.
Concellos polos que pasa a ruta:
Concello de Santiago de Compostela
Etapa: A Coruña - Sergude. 20,4 km
Que visitar
Partimos nesta etapa da cidade da Torre de Hércules, o único faro romano do s. II, restaurado no s. XVIII que hoxe continúa activo é un dos máis fermosos monumentos e contornas paisaxísticas de Galicia.
Esta cidade ofrece ademais 15 km. de paseo marítimo urbano.
A Igrexa de Santiago do s. XIII e XV, fundada por Alfonso IX e iniciada por discípulos do Mestre Mateo, a igrexa Colexiata de Santa María do Campo, de orixe románico e a Praza de María Pita (1860-1912) é algún do patrimonio a visitar na Coruña.
As Galerías da avenida da Mariña, os emblemáticos edificios acristalados fronte ao mar, construídos entre os s. XIX e XX, dotan de personalidade esta cidade atlántica.
Xa no Concello de Cambre, as igrexas románica de Santiago de Sigrás e a igrexa de Santa María de Cambre son dous monumentos a visitar.
Concellos polos que pasa a ruta:
Etapa: Sergude - Hospital de Bruma. 13,7 km
Que visitar
A Capela de Bruma, datada no s. XVI, é un modesto edificio de cachotería localizada nunha contorna vinculada directamente ao Hospital de Bruma
Concellos polos que pasa a ruta:
Máis información sobre o Camiño Inglés, aquí