Que está a pasar?

O Xeoparque Cabo Ortegal pon en marcha o proceso de adhesión de empresas e produtores da zona á súa marca agroalimentaria KB0 Ortegal

A iniciativa enmárcase na estratexia de desenvolvemento territorial do Xeoparque e no Plan de Sostibilidade Turística en Destino
xoves, 9 Abril, 2026

O Xeoparque Cabo Ortegal vén de iniciar o proceso de adhesión á marca agroalimentaria KB0 Ortegal, que busca visibilizar os produtos da zona e xerar novas oportunidades que contribúan a fomentar a actividade económica do territorio e á xeración de emprego. Os requisitos para sumarse a este selo identificativo déronse a coñecer hoxe nunha xornada á que asistiron empresas e produtores da zona, e que foi inaugurada polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque, Alberto Rey, e o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda.

KB0 Ortegal é unha iniciativa enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, á que poden adherirse produtores e empresas dos sete concellos que integran o Xeoparque, dedicadas á obtención de produtos agrícolas, gandeiros ou do mar, así como ao envasado, elaboración, procesado e comercialización de produtos de alimentación. Este proxecto está sufragado polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - Next Generation EU.

Un selo para impulsar o tecido empresarial local

Para a súa incorporación á marca, os operadores interesados deberán cumprir cunha serie de requisitos obrigatorios, acreditando que producen, transforman ou comercializan nalgún dos sete concellos do destino. Así mesmo, o proceso de adhesión contempla unha batería de requisitos avaliables, dos cales será preciso cumprir cunha porcentaxe. Entre outras cuestións valorarase a vinculación co territorio, a aposta polo produto de proximidade, a aplicación de criterios de calidade, seguridade alimentaria e sostibilidade na operativa diaria e o compromiso co Xeoparque.

Unha iniciativa enmarcada na estratexia de desenvolvemento do territorio

O vicepresidente da Deputación da Coruña puxo en valor a importancia para Cabo Ortegal de contar cunha marca internacional como a do Xeoparque Mundial da Unesco, resultado dun proceso de investimento e planificación estratéxica no territorio. “Despois de investir en torno a 1,5 millóns de euros para a proxección dese territorio baixo o paraugas do Xeoparque”, explicou, trátase agora de “consolidar ese traballo e traducilo en oportunidades reais para a xente que vive aquí”.

Neste sentido, subliñou que este impulso debe entenderse tamén desde o sistema produtivo, que cualificou “de primeira orde”, e que conta con infraestruturas como A Fusquenlla, “que permiten dar servizo ao sistema produtivo agrario para a transformación e o envasado dos produtos, reforzando así a cadea de valor”.

“Temos unha marca e agora é necesario que o sistema produtivo se acolla a ela e se sirva dela para posicionar produto e economía no ámbito do turismo enogastronómico”.

No encontro déronse a coñecer outros casos de éxito vinculados a marcas agroalimentarias ou clubs de produto implantados noutros territorios. Así, compareceron como relatoras convidadas Clara Rey, do equipo técnico do club de produto Galicia Destino Sostible, e Eva Gil, directora de proxectos do Grupo de desenvolvemento rural Galicia Suroeste. Nas súas intervencións destacaron o potencial deste tipo de marcas como elementos de vertebración da oferta e incidiron no papel do sector primario como motor de desenvolvemento local.

Esta xornada, celebrada no Auditorio de Cedeira, supón o arranque operativo de KB0 Ortegal, un paso máis na estratexia de posicionamento do Xeoparque, que busca poñer en valor os seus recursos naturais, culturais e gastronómicos para impulsar un modelo que integra turismo, produción local e sostibilidade.

A Deputación exhibe en Alimentaria a cadea de valor enogastronómica e o modelo de turismo sustentábel que impulsa a institución

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira participará nesta cita en dúas mesas redondas sobre gastronomía e turismo sustentábel
mércores, 25 Marzo, 2026

A Deputación da Coruña participa esta semana nunha nova edición de Alimentaria, o encontro internacional de referencia para os profesionais da industria do sector e que se organiza cada dous anos en Barcelona, cunha destacada presenza institucional e da cadea de valor enogastronómica da provincia. Neste marco, o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participará mañá, xoves 26 de marzo, en dúas mesas redondas nas que se abordará o papel da gastronomía como motor económico e turístico, así como os retos do modelo sustentábel baseado no produto local.

Ambas as dúas sesións organízanse no contexto da Gran Final do Concurso Cociñeiro e Camareiro do Ano, que se celebra tamén ese mesmo día, nun certame co que a provincia da Coruña xa mantén vínculos, tras acoller o pasado ano unha das súas semifinais a través dun acordo coa Deputación.

A primeira das intervencións terá lugar ás 11:30 horas, baixo o título ‘A Coruña provincia, A paisaxe que sabe: territorio enogastronómico’, un espazo centrado na identidade dos produtos e na súa vinculación co territorio. Nesta mesa, na que tamén participarán representantes da cadea enogastronómica galega como A Conserveira (Ribeira), Galmesán (Arzúa) ou Despensa D’Lujo (Coristanco), porase en valor a calidade e singularidade dos produtos da provincia, así como o traballo conxunto entre o sector produtor e a administración para a súa promoción dentro e fóra de Galiza.

Durante o debate, Regueira abordará as liñas de apoio impulsadas desde a Deputación para posicionar os produtos da provincia nos mercados estatal e internacional, nun contexto no que a gastronomía se consolida como un dos principais elementos de diferenciación territorial e de xeración de valor engadido.

A continuación, ás 12:00 horas, o vicepresidente participará na mesa ‘Turismo gastronómico: impacto na cidade dun turismo sustentábel’, na que compartirá reflexións con representantes institucionais doutras administracións sobre o papel da gastronomía nas estratexias turísticas. O encontro permitirá afondar en cuestións como a capacidade da oferta gastronómica para atraer visitantes, o papel dos eventos e da restauración na promoción dos destinos e a importancia de avanzar cara a modelos turísticos máis sostíbeis e vinculados ao produto de proximidade.

A participación da Deputación da Coruña en Alimentaria encádrase na súa aposta pola promoción da provincia como destino enogastronómico de calidade, baixo a marca ‘A paisaxe que sabe’, que pon en relación produto, territorio e identidade como elementos clave para un desenvolvemento turístico equilibrado e positivo para o territorio.

Regueira salienta a tradición conserveira de Barbanza Arousa como eixo do turismo industrial

Baixo o título ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, a presentación da institución provincial afondou na tradición conserveira da provincia, especialmente en territorios como o xeodestino Barbanza Arousa
luns, 23 Marzo, 2026

A Deputación da Coruña participa un ano máis en B-Travel, a feira internacional de turismo que se celebra en Barcelona do 20 ao 22 de marzo. Coma en edicións anteriores, a Área de Turismo da institución, que dirixe Xosé Regueira, leva a este foro a súa aposta polo turismo industrial como un dos eixos estratéxicos da súa oferta turística. No marco do espazo B-Industrial, unha área temática especializada en turismo industrial dentro do salón, a Deputación presentou hoxe a proposta titulada ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, centrada na posta en valor do patrimonio industrial e gastronómico vinculado ao sector conserveiro.

Baixo o título ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, a presentación da Deputación da Coruña afondou na tradición conserveira da provincia, especialmente en territorios como o xeodestino Barbanza Arousa, onde esta industria contribuíu a conformar a paisaxe, a economía e a identidade social. A proposta pon o foco na calidade dos produtos do mar, tanto frescos como en conserva, e na súa vinculación coa cultura local, así como na maridaxe cos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Barbanza e Iria.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, subliñou que as políticas provinciais se deben orientar a «fortalecer os sectores produtivos» e a «construír experiencias auténticas baseadas na identidade galega». Neste senso, reivindicou o potencial do rural «como espazo estratéxico e cheo de vitalidade, capaz de ofrecer experiencias verdadeiras ao tempo que se preservan os valores propios».

Durante a súa intervención, Regueira explicou que a proposta presentada en B-Travel inclúe o proxecto do centro de interpretación da conserva de Barbanza Arousa e destacou o papel histórico desta industria no conxunto do litoral galego. Así, lembrou que a tradición conserveira está presente ao longo de toda a costa e puxo en valor a súa orixe, ligada en boa medida á chegada de industriais cataláns, aos que posteriormente se sumaron maragatos e portugueses, configurando un sector que se foi expandindo e diversificando co paso do tempo.

«Hai unha tradición asentada desde hai moitos séculos e viñemos contar un relato que tamén conecta con Cataluña, onde estamos hoxe, xa que a nosa industria conserveira chegou a Galiza da man, sobre todo, dos cataláns», explicou Regueira, quen engadiu que «buscamos na gastronomía o primeiro leitmotiv para convidar a visitar Galiza e falar de industria, pero tamén da relación co territorio e da necesidade de reivindicar un turismo de calidade, baseado na nosa identidade e na excelencia das experiencias que podemos ofrecer».

A participación da Deputación neste evento responde ao obxectivo de consolidar o turismo industrial e gastronómico como un dos piares da súa estratexia turística, promovendo a provincia como un destino singular baseado na autenticidade, na identidade propia e na calidade das súas experiencias.

A Deputación promociona o turismo industrial e o patrimonio enogastrónomico de Barbanza Arousa na feira B-Travel de Barcelona

O vicepresidente da institución e deputado de Turismo, Xosé Regueira, reivindica o papel do rural como «espazo estratéxico e cheo de vitalidade» para ofrecer experiencias turísticas «auténticas»
venres, 20 Marzo, 2026

A Deputación da Coruña participa un ano máis en B-Travel, a feira internacional de turismo que se celebra en Barcelona do 20 ao 22 de marzo. Coma en edicións anteriores, a Área de Turismo da institución, que dirixe Xosé Regueira, levará a este foro a súa aposta polo turismo industrial como un dos eixos estratéxicos da súa oferta turística.

No marco do espazo B-Industrial, unha área temática especializada en turismo industrial dentro do salón, a Deputación presentará o sábado, día 21, a proposta titulada ‘Historia da conserva na provincia da Coruña’, centrada na posta en valor do patrimonio industrial e gastronómico vinculado ao sector conserveiro.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Tuirsmo, Xosé Regueira, subliña que as políticas provinciais se deben orientar a «fortalecer os sectores produtivos» e a «construír experiencias auténticas baseadas na identidade galega». Neste senso, reivindica o potencial do rural «como espazo estratéxico e cheo de vitalidade, capaz de ofrecer experiencias verdadeiras ao tempo que se preservan os valores propios».

Unha industria con arraigo no territorio

A presentación da Deputación da Coruña afonda na tradición conserveira da provincia, especialmente en territorios como Barbanza Arousa, onde esta industria contribuíu a conformar a paisaxe, a economía e a identidade social. A proposta pon o foco na calidade dos produtos do mar, tanto frescos como en conserva, e na súa vinculación coa cultura local, así como na maridaxe cos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Barbanza e Iria.

Neste sentido, a Deputación dá continuidade á estratexia de promoción do turismo industrial e enogastronómico que levou ás anteriores edicións desta feira; neste caso, impulsando experiencias que permiten coñecer tanto o pasado como o presente da industria conserveira e vitivinícola, a través de visitas a instalacións, degustacións e propostas que conectan o patrimonio co turismo experiencial.

A participación da Deputación neste evento responde ao obxectivo de consolidar o turismo industrial e gastronómico como un dos piares da súa estratexia turística, promovendo a provincia como un destino singular baseado na autenticidade, na identidade propia e na calidade das súas experiencias.

Regueira destaca en Cabana de Bergantiños o potencial do astroturismo para xerar oportunidades económicas e estruturación turística no territorio

O vicepresidente da Deputación da Coruña clausurou no Dolmen de Dombate a presentación do Manual de Miradoiros Starlight, impulsado pola Asociación de Astroturismo da Costa da Morte
martes, 17 Marzo, 2026

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou esta mañá en Cabana de Bergantiños na presentación do Manual de Miradoiros Starlight, elaborado pola Asociación de Astroturismo da Costa da Morte. O acto, que tivo lugar no Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate, contou como anfitrión co alcalde, José Muíño.

Tras unhas palabras do rexedor, interveu Ada González, membro da directiva da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte. Segundo explicou, este manual é un documento de consulta sobre o astroturismo e, en particular, sobre os miradoiros estelares.

A publicación aborda as características que deben reunir estes espazos para a observación do ceo nocturno e inclúe recomendacións sobre a sinalización que se aconsella empregar para garantir a uniformidade dos miradoiros estelares.

Na súa quenda, Regueira subliñou que o turismo debe entenderse tamén como unha actividade económica que xera oportunidades no territorio e que require dunha estrutura profesional e empresarial ao seu redorl. O vicepresidente da Deputación explicou que o obxectivo das políticas turísticas da institución é contribuír a consolidar esa estrutura e favorecer que o retorno económico quede nas comarcas que reciben visitantes.

«Cando falamos de turismo falamos de negocio. Nós estamos tamén para darlles servizo ás persoas que viven do turismo: hostalaría, hoteleiros, persoal técnico...», afirmou.

Regueira destacou tamén o potencial do astroturismo como un subsector con capacidade para xerar actividade económica no territorio. Neste sentido, lembrou que a Deputación está a impulsar iniciativas de formación, como a capacitación de guías Starlight, co obxectivo de estruturar unha oferta turística ao redor da observación do ceo nocturno. «O turismo implica negocio e retorno económico no territorio e, sobre todo, oportunidades polo territorio», sinalou.

Durante a súa intervención, o vicepresidente incidiu tamén na importancia de que o selo Starlight se traduza en iniciativas concretas que melloren tanto a experiencia turística como a protección do ceo nocturno. Ao respecto, puxo en valor o traballo da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte e destacou a súa contribución á planificación das políticas públicas neste ámbito.

Segundo explicou, a participación da entidade en FITUR —acompañando a Deputación da Coruña— e as reflexións expostas polo colectivo levaron Área de Turismo provincial a reorientar a súa estratexia con motivo da eclipse total de sol prevista para o 12 de agosto. A institución provincial decidiu priorizar accións de sensibilización e seguridade no territorio ante a previsión de grande afluencia de persoas visitantes.

Regueira destaca Santiago(é)Tapas como ferramenta para desestacionalizar o turismo e poñer en valor o produto local e o talento da hostalaría

O vicepresidente provincial participou na entrega do Premio Deputación da Coruña á Mellor Tapa Creativa
luns, 16 Marzo, 2026

A Deputación da Coruña participou este luns no acto de entrega de premios do XVII Santiago(é)Tapas, celebrado na Sala Mozart do Auditorio de Galiza, no que se recoñeceu o talento e a creatividade dos establecementos participantes nun certame consolidado como unha das grandes citas gastronómicas da cidade. O vicepresidente da Deputación e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, participou no acto institucional do concurso, que organiza Turismo de Santiago e no que a Deputación da Coruña é principal colaboradora. Na súa intervención, destacou o valor estratéxico dunha iniciativa que contribúe a dinamizar o sector hostaleiro e a reforzar a proxección gastronómica do territorio.

Regueira subliñou que Santiago(é)Tapas é «un evento cun gran valor estratéxico, que leva anos demostrando que a gastronomía é unha das mellores portas de entrada para descubrir o territorio». Neste sentido, sinalou que o certame «non só dinamiza o sector hostaleiro nun mes clave, senón que tamén proxecta a imaxe de Santiago como un destino gastronómico de vangarda e calidade e serve de plataforma para exhibir o enorme talento que temos nos fogóns do noso territorio».

O vicepresidente provincial puxo tamén en valor a tapa como formato culinario capaz de expresar a excelencia da gastronomía galega. «Temos que reivindicar a tapa non é un produto menor; todo o contrario, pode ser tamén unha expresión da alta cociña coa que poñer en valor o produto de proximidade e toda a cadea enogastronómica que hai detrás», subliñou.

Premio Deputación á ‘Mellor tapa creativa’

A principal novidade desta edición foi que o galardón principal do certame incorporou por primeira vez o nome da institución provincial. Por este motivo, a alcaldesa de Santiago chamou ao vicepresidente provincial ao escenario para facer entrega conxunta do Premio Deputación da Coruña á ‘Mellor tapa creativa’, no transcurso do acto celebrado no Auditorio de Galiza.

O concurso confirmou nesta edición o seu éxito de participación e consumo, superando as 33 000 tapas vendidas, un 10 % máis ca no ano anterior e por riba das máis de 30 000 rexistradas en 2025 e das 25 000 contabilizadas en 2024. Estes datos reafirman o papel do evento como unha ferramenta eficaz para fomentar o consumo durante a temporada baixa e avanzar cara a un modelo turístico máis desestacionalizado.

Xosé Regueira e Cristina García destacan a importancia do «produto de quilómetro cero» na VIII Feira do Queixo de Moeche

O vicepresidente, Xosé Regueira, fai unha valoración «moi positiva»
domingo, 15 Marzo, 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, visitaron esta mañá a VIII Feira do Queixo de Moeche coincidindo coa apertura da xornada do domingo no recinto feiral da localidade. Realizaron un percorrido polos postos do Mercado da Deputación instalados na feira, un espazo que reúne produtoras e produtores da provincia e que forma parte das accións de promoción do sector agroalimentario impulsadas pola institución provincial. A presenza deste mercado súmase ao apoio que a Deputación leva prestando ao evento ao longo dos anos.

No marco da programación da feira, Regueira e García —concelleira de Desenvolvemento Local na localidade— asistiron tamén ao primeiro dos tres pases do showcooking do chef André Arzúa, ás 11:30 horas. O cociñeiro preparou lingote de galiña piñeira recheo de queixo de Moeche co seu caldo; así como unha mousse de queixo de Moeche, mel e améndoa caramelizada.

O vicepresidente destacou o valor da feira como exemplo da capacidade de dinamización que poden xerar iniciativas impulsadas desde concellos pequenos. «Eu creo que en concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, en fe, en querer trasladarlle músculo e vitalidade á súa cidadanía e aos seus sectores económicos, merecen sempre o apoio da Deputación», afirmou.

Regueira puxo tamén en valor o esforzo do Concello por consolidar unha cita que, segundo subliñou, «vai alén da propia feira» e ten repercusión na produción agrogandeira e na hostalaría da comarca. Neste sentido, lembrou que a Deputación leva anos apoiando esta iniciativa e que nesta edición se reforza a colaboración coa presenza do Mercado da Deputación, que permite sumar a outros produtores da provincia e contribuír a ampliar o impacto do evento.

O vicepresidente destacou ademais a boa acollida que está a ter o Mercado da Deputación na súa primeira participación na Feira do Queixo de Moeche. Explicou que «xa desde primeiras horas da xornada» se percibía un ambiente moi animado ao redor dos postos. «Hai moita xente comprando, todo o mundo está moi contento por esta afluencia de público», sinalou. Segundo Regueira, está sendo «fantástica e moi positiva» esta primeira experiencia en Moeche e avanzou que a intención da Deputación é repetir o formato o vindeiro ano.

O tamén deputado de Turismo e Promoción Económica salientou tamén o valor da feira como punto de encontro para produtoras e produtores da provincia. Segundo explicou, ademais dos participantes no Mercado da Deputación, outros produtores están a achegarse para coñecer como poden incorporarse ao ecosistema de empresas da marca ‘A paisaxe que sabe’, «con todo o positivo que significa para a nosa marca», apuntou.

O vicepresidente incidiu tamén no potencial da feira como espazo de contacto directo co público. «É un evento con moito potencial, sobre todo de consumidor final, distinto a outros aos que imos para abrir vías para as canles de distribución», indicou. Neste sentido, subliñou que este tipo de encontros tamén contribúen a achegar á cidadanía os produtos locais. «É importante para popularizar o produto de altísima calidade que temos entre a sociedade; un produto de quilómetro cero, sostíbel, non só para comer mellor, senón tamén para protexer o noso sistema produtivo e o planeta», afirmou.

Pola súa banda, a deputada provincial de Plans Provinciais e concelleira de Desenvolvemento Local de Moeche, Cristina García Rey, destacou o potencial do recinto feiral da localidade e o peso que ten o sector primario na economía do municipio. «Somos un concello pequeno e rural, cunha forte presenza do sector primario, e ademais temos a sorte de contar cun recinto feiral moi amplo e con moitas posibilidades. Por iso tratamos de aproveitalo ao máximo para organizar iniciativas coma esta feira, que poñen en valor os nosos produtos e dinamizan a vida económica e social do concello», sinalou.

A Feira do Queixo de Moeche reúne durante toda a fin de semana postos de venda de queixos e produtos artesáns, actividades culturais e propostas gastronómicas arredor dun produto emblemático da comarca.

Xosé Regueira pon en valor o impulso da Feira do Queixo de Moeche como motor económico e social para a comarca

«Concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, merecen sempre o apoio da Deputación», afirmou Regueira
martes, 10 Marzo, 2026

O presidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou este martes na presentación da VIII Feira do Queixo de Moeche, que terá lugar o próximo domingo, 15 de marzo. No acto estivo acompañado pola deputada de Plans Provinciais, Cristina García —concelleira no municipio—, e pola alcaldesa, Beatriz Bascoy. Na súa intervención, salientou o papel destes eventos na dinamización económica e social do territorio, especialmente en concellos de pequeno tamaño, con influencia tanto na produción agrogandeira como na hostalaría.

«Eu creo que en concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, en fe, en querer trasladarlle músculo e vitalidade á súa cidadanía e aos seus sectores económicos, merecen sempre o apoio da Deputación», insistiu o vicepresidente da Deputación.

Xosé Regueira puxo en valor o esforzo do Concello por consolidar ao longo dos anos unha cita que, segundo subliñou, ten un impacto que vai máis alá da propia feira. «Hai concellos que teñen enormes orzamentos, pero que non son capaces de emprender ou que non se atreven a emprender retos como o que emprende o concello de Moeche mantendo cada ano unha Feira do Queixo tan importante coma esta, mellorando en cada edición», afirmou.

Apoio da Deputación da Coruña

O vicepresidente lembrou que a Deputación leva anos apoiando a feira e que nesta edición se dá «un paso máis». Neste sentido, indicou que «a Deputación leva apoiando esta feira desde hai moito tempo, e este ano damos un pasiño máis, pois ademais do apoio económico a través da liña de subvencións, pedímoslle ao Concello a posibilidade de estar na feira co noso mercado de artesanía agroalimentaria».

Esta iniciativa permitirá, na súa opinión, que outros produtores da provincia participen e coñezan de primeira man o funcionamento dun evento que se consolidou como referente ao redor do queixo e doutros produtos de calidade. O vicepresidente engadiu que «a feira está escalando e a Deputación o que vai intentar é darlle, ademais, soporte ao resto da cadea de valor da enogastronomía que traballa habitualmente connosco, para que se sirva tamén da cantidade de xente que se vai achegar durante estas dúas xornadas ao recinto feiral de Moeche».

Variada programación

A programación desenvolverase durante toda a fin de semana con propostas para todos os públicos. Haberá postos de venda de queixos e produtos artesáns, actuacións musicais, obradoiros, catas comentadas, actividades infantís, visitas guiadas e sorteos de produtos. No espazo do Mercado da Deputación organizaranse tamén varias mostras de cociña a cargo do chef Adnré Azúa —ás 11:30, 12:30 e 13:30 horas—. Ademais, o grupo De Ninghures oferecerá un concerto, tamén financiado pola Deputación, ás 19:30.

Carnota dedicará o XIII Víndemo Ver ao Solpor

O XIII Víndemo Ver contará co Mercado da Deputación e actividades para todos os públicos.
Costa da Morte » Carnota
mércores, 25 Marzo, 2026

O Concello de Carnota leva varios anos recuperando elementos da memoria colectiva para converter cada edición do Víndemo Ver nunha viaxe pola historia local. Tras homenaxear ás leiteiras que camiñaban ata Muros, dedicouse unha edición ao millo, outra a sardiña e o seu procesado e tamén ao máxico e luminoso mar de ardora, este ano o protagonista será O Solpor.

 

Do 2 ao 5 de abril, a praza de San Gregorio transformarase nun espazo destinado á venda de produtos da horta, propostas ecolóxicas e artigos de proximidade dentro do Mercado da Deputación. Xunto a estes postos, creadoras e creadores da zona exhibirán o seu traballo artesanal, completando unha oferta diversa que busca poñer en valor o talento local. A praza contará tamén con áreas de comida e bebida ao aire libre, pensadas para gozar dun ambiente festivo durante toda a xornada.

 

O evento dará comezo o xoves 2 de abril, ás 17:00 h, co acto de inauguración e presentación do espectáculo audiovisual inmersivo “Os nosos ceos: Costa da Morte”, con Antonio Nodar e Frank Bushmann e prensetanción da exposición de fototografías “En busca del rayo verde. Atardeceres en el último segundo del sol” da fotoperiodista de La Voz de Galicia, Ana García.

 

O venres 3 de abril será a proba BTT, con saída ás 09:30 h dende o pavillón de Carnota. As inscricións permanecerán abertas en cronotec.es ata o luns 30 de marzo ás 14:00h.

 

Paralela a BTT, terá lugar unha xincana infantil de bicicletas para a rapazada que queira seguir os pasos dos grandes ciclistas dende ás 10:30h. Non esquezades traer a vosa propia bicicleta e o voso casco.

 

Como xa vén sendo habitual, a programación inclúe unha andaina temática que este ano é “Andaina do Solpor”, cun percorrido lineal de arredor de 12 km. Será o sábado 4 de abril e a saída terá lugar ás 18:30 h, dende a praza San Gregorio de Carnota. O traslado ata o punto de inicio da ruta realizarase en bus e o percorrido transcorrerá na súa gran maioría porla ladeira do monte de Carnota. As inscricións poderán realizarse en cronotec.es ata o 31 de marzo.

 

Haberá, ademais, innumerables actividades lúdicas para a rapazada, como xogos tradicionais, obradoiros de cerámica e cestería, etc. Tamén haberá actuacións culturais e música tradicional para amenizar o ambiente, a cargo da Banda de Gaitas Longarela, da Charanga Santa Compaña e da Agrupación Folclórica Ximiela.

 

E para amenizar as noites a programación inclúe os seguintes concertos: O xoves 2, ás 22:00 h, contaremos ca presenza xa habitual de Chiña e posteriormente karaoke. O venres 3 ás 22:00 h, serán os concertos de Los Lunes al Sol con versións dos anos 80 e 90 á actualidade e o dúo musical The Balayos. A última noite de concertos será o sábado 4 de abril, con Tian GZ, Xian Pais e Ortiga.

 

Durante os catro días, poderase visitar na carpa grande, no posto do Concello de Carnota – Deputación da Coruña a exposición de fototografías “En busca del rayo verde. Atardeceres en el último segundo del sol” da fotoperiodista de La Voz de Galicia, Ana García e a exposición de cunchas do noso litoral “Un mar de cunchas”.

 

Para unha mellor ambientación da feira, convidámosvos a vir caracterizados da época para a ocasión!

A Deputación da Coruña pecha con satisfacción a primeira participación en HIP destacando a boa acollida do público profesional e a apertura de vías de negocio

Restaurantes e produtores de Bergantiños, Barbanza, Compostela, Ferrolterra, Arzúa e A Coruña exhibiron o potencial enogastronómico da provincia durante os tres días da feira
venres, 20 Febreiro, 2026

A Deputación da Coruña despide hoxe a súa participación en HIP–Horeca Professional Expo con evidente satisfacción tras tres xornadas de intensa actividade no posto provincial baixo o lema ‘A paisaxe que sabe’. Este ano foi a primeira participación da institución nesta feira profesional, que tivo lugar no IFEMA madrileño, e onde se sucederon demostracións culinarias, presentacións de produto e obradoiros de harmonías que puxeron en valor a cadea de valor enogastronómica da provincia.

O vicepresidente e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, subliña que «a valoración que facemos da nosa participación neste evento é claramente positiva». Neste sentido, destaca que «así o indican tanto a afluencia ao noso posto, como o interese amosado polo público e as propias impresións do sector enogastronómico que nos acompañou nestes tres días».

Regueira incide no perfil profesional das persoas asistentes e asegura que «a xente que se achega a nós son visitantes profesionais, son persoas interesadas en abrir vías de negocio. Coa calidade do produto que temos e co sector tan altamente profesional como hai na provincia da Coruña, coido que o éxito está asegurado». O vicepresidente engade que agora cómpre dar unha marxe de tempo, polo menos dun mes ou mes e medio, para comprobar se os contactos establecidos se traducen en oportunidades reais de mercado.

A xornada de hoxe estivo protagonizada polos dous obradoiros ofrecidos polo chef carballés Adrián Felípez, á fronte do restaurante Miga (A Coruña). O cociñeiro elaborou unha terrina de cacheira de porco celta con guiso de grelos e caldo de cocido, así como unha albacora curada en auga de mar, sopa de xunco mariño e folla de ostra, propostas que volveron atraer numeroso público profesional ao posto da Deputación.

Entre ambas as demostracións, o sumiller Alejandro Paadín conduciu un obradoiro de harmonías centrado nos viños da subzona Ribeiras Coruñesas do Ulla da denominación de orixe Rías Baixas, acompañados de queixo Galmesán (Arzúa) e patacas fritidas Bonilla a la Vista (A Coruña). A despedida do evento completouse coa presentación e degustación de mexillón afumado da Conserveira (Ribeira), maridado con Vermut Lodeiros (Santiago).

Ao longo dos tres días participaron restaurantes de referencia como Illas Gabeiras, de Ferrol; As Garzas, de Barizo, en Malpica de Bergantiños; e o xa mencionado Miga, que amosaron a capacidade creativa da cociña atlántica e a reinterpretación contemporánea do produto de proximidade. Xunto a eles, produtores e comercializadores de diferentes comarcas contribuíron a ofrecer unha visión ampla e diversa do potencial enogastronómico coruñés.

Empresas como Martietas de Fío, de Bergondo; Empanadas Ternura, da Coruña; La Despensa D’Lujo, de Coristanco; A Conserveira, de Ribeira; Cien por Cel e Vermut Lodeiros, de Santiago de Compostela; Galmesán, de Arzúa; ou Bonilla a la Vista, da Coruña, participaron nas distintas sesións.

Con esta primeira participación en HIP, a Deputación da Coruña consolida a súa aposta pola promoción conxunta do produto, da transformación e da restauración baixo unha estratexia común de marca, proxectando a imaxe dunha provincia que combina excelencia, identidade territorial e capacidade empresarial para competir nos mercados profesionais.

Puntos de interese