A ría de Muros e Noia é un dos indiscutibles referentes entre as diferentes rías da provincia. O seu espírito mariñeiro invádenos e as súas relativamente pausadas augas devólvennos unha sensación de tranquilidade que contrasta coas salvaxes ondadas típicas da rexión da Costa da Morte. O mar, de múltiples maneiras, é pois o protagonista da ría de Muros e Noia, destino turístico indiscutible da provincia da Coruña polas súas múltiples praias e as súas atractivas vilas.

Dando título á singular ría, as vilas de Muros e Noia, declaradas conxunto histórico-artístico, mostran construcións de arquitectura tradicional do mar, situadas nun deseño urbano no que a tradición ofrece todo o seu encanto, sen tensión, coa serenidade do encontro en pequenas rúas e prazas con bares que ofrecen, como outrora, os produtos do mar e a terra en todo o seu esplendor. 

Os concellos que conforman este xeodestino son Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son.

O atractivo natural desta zona é enorme. Chaman a atención dúas illas que é posible avistar desde algún punto da costa: a Illa Vella e a Illa de Creba. O chan húmido e a auga nas súas distintas manifestacións, caracterizan as prominentes serras de Outes e Barbanza. Esa riqueza costeira maniféstase tamén nas preciosas praias, repartidas polos distintos municipios, como a de Basoñas, Area Longa, Aguieira, Broña, As Furnas, Esteiro, Portosín, San Francisco ou Ancoradoiro, entre outras.

Antigüidade: cobran especial relevancia uns restos arqueolóxicos tremendamente ben conservados: os do Castro de Baroña. Aquí, a conxunción derivada da rechamante construción prerromana e a espectacular imaxe do mar, son perfectamente capaces de provocarnos un profundo calafrío. Este castro é o máis característico entre as múltiples mostras patrimoniais antiquísimas que se poden apreciar en todo este xeodestino.

Historia contemporánea: para as persoas interesadas na historia máis recente, resulta moi interesante visitar as inactivas Minas de San Finx (Lousame), das que no seu día se extraeron grandes cantidades de estaño e wolframio, material este último que lles concedeu un papel significativo na historia da Segunda Guerra Mundial.

Arquitectura civil: os centros históricos tanto de Noia como de Muros foron declarados conxunto histórico-artístico. En ambos se percibe unha arquitectura amparada no pasado e adecuadamente conservada, que mantén un halo de señorío que adorna estas vilas costeiras. No caso de Noia, esta condición vai en consonancia coa afirmación de Otero Pedrayo, cando aseguraba que “Noia é a pequena Compostela”. En Muros atópase o Faro do Monte Louro, nunha contorna privilexiada e nun espazo de excelentes vistas. De Outes destacamos Ponte Nafonso, do mesmo xeito que a Ponte Grande e a Ponte de Traba en Noia.

Arquitectura relixiosa: a Igrexa de Santa María da Nova (Noia) conserva a condición de Monumento Histórico Artístico Nacional. E en Lousame, chama a atención o Mosteiro San Xusto de Toxosoutos, declarado Ben de Interese Cultural.

INDISPENSABLES

Castro de Baroña: este castro, un dos máis famosos da provincia, está asentado nunha península que fai que o achegamento á cultura castrexa se convirta nun paseo cunha paisaxe única e inesquecíbel. A súa ocupación sitúase nos séculos I a.c ao I d.c. Para contemplar esta visita, pódese visitar tamén o Centro de interpretación do Castro situado no centro da vila do Porto do Son.

Mosteiro e fervenza de Toxosoutos: este trátase dun lugar máxico onde se funde a arte, a natureza e a historia. O Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, da que se conserva tan só a igrexa, está situado á beira do río San Xusto, afluente do Sóñora e que nos ofrece unha paisaxe chea de impresionantes fervenzas.

Monte Louro: un espazo privilexiado desde o punto de vista paisaxístico é o conformado polo Monte Louro e a Lagoa de Xalfas, que se localiza na parte exterior da vertente norte da ría e que está declarado espazo de interese natural.

MurosMuros conta con variedade de rutas para contemplar a paisaxe do seu municipio, ademais do patrimonio histórico-artístico, no que cabe destacar a arquitectura do casco antigo, as diversas igrexas parroquiais, o antiguo Cine París ou o edificio do Mercado de Abastos

Noia: esta vila monumental, caracterízase polas súas casas góticas e os numerosos arcos e soportais que visten o casco vello. Pódense visitar variadas casas e pazos que rodean a praza onde se atopa a Igrexa de San Martiño do século XV de estilo gótico mariñero. Por outra banda, a Igrexa de Santa María a Nova, Monumento Histórico Artístico Nacional, é unha das súas perlas patrimoniais.  

Empanada de millo de Noia:  a empanada, produto típico de toda a xeografía galega, adquire nesta zona a orixinalidade na súa masa, sendo desta volta de fariña de millo, que lle da unha saborosa distinción. Normalmente é feita con produtos da ría, sendo a máis común a de berberechos. Esta empanada pódese degustar en calquera dos variados locais de hostalaría da zona. 

Berberechos da ría: a abundancia e a boa calidade do berberecho nesta ría, convérteo nun produto moi degustado polas persoas que visitan a ría de Muros e Noia. É considerado unha reliquia gastronómica e abundan as formas de preparalo, en arroces, empanadas ou simplemente ao vapor. 

Sardiña de Portosín: este pequeno porto do Concello do Porto do Son, caracterízase pola abundante pesca de sardiña e xurelo. Cada ano celébrase no verán a Festa de Exaltación da Sardiña de Portosín.